fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, recibiu na mañá deste luns a un grupo de máis de 20 estudantes do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo. Esta expedición cruzou o Atlántico para realizar a súa tradicional viaxe de estudos a Galicia. Nesta ocasión, o alumnado tivo a ocasión de coñecer o  noso municipio, dando resposta, deste xeito, á invitación que o propio rexedor lles fixera durante a celebración, no pasado mes de maio, dunha videoconferencia organizada polo centro educativo, para lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, o escritor ourensán ao que se lle adicou neste 2022 o Día das Letras Galegas, na que tamén participara o fillo adoptivo de Poio e gañador do Nobel da Paz, no ano 1980, Adolfo Pérez Esquivel.

Ademais de visitar as dependencias da Casa Consistorial, tamén se organizou unha visita guiada ao Mosteiro de San Xoán e a outros lugares de interese, como o casco histórico de Combarro e o Parque da Memoria.

Tal e como lembrou Sobral, é neste espazo da Seca onde se empraza a escultura realizada por Pérez Esquivel. O alcalde  celebrou que “as novas xeracións teñan a oportunidade de coñecer de primeira man a fonda pegada que Pérez Esquivel deixou en Poio, sendo para nós un veciño máis”. Antes da visita guiada por estes lugares de interese tivo lugar un pequeno acto no Salón de Plenos, onde a titora que acompañada aos e ás estudantes asinou no Libro de Honra do Concello. O alcalde recibiu de mans do alumnado unha pequena réplica do escudo oficial do centro de ensino arxentino, mentres que a expedición tamén recibiu unha metopa co escudo do propio Concello de Poio. Ademais, cada un dos e das asistentes foron agasalladas con libros e un pequeno recordo.

Nesta recepción tamén estiveron presentes a concelleira de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, Marga Caldas (BNG), e o director e guionista Xan Leira, un dos grandes artífices deste encontro. O líder do Goberno local fixo fincapé na importancia de “manter o lazo e o forte vínculo que nos une historicamente cun país coma a Arxentina”. Ademais, amosou a súa satisfacción polo feito de que o instituto recollese a invitación feita polo alcalde naquela videoconferencia. “Entón lles animamos a que viñeran a coñecer Poio e estamos moi contentos de que que agora estean aquí con nós”. O alcalde Sobral tamén puxo de manifesto o “orgullo e o recoñecemento que supón para nós o gran labor e o interese que desde o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo se realiza á hora de coñecer e difundir a nosa lingua e a nosa memoria histórica”. Pola súa banda, o alumnado salientou o importante que supón para todas elas e eles o feito de poder coñecer Poio e invitaron ao alcalde a visitar o seu centro educativo na Arxentina, onde “trataremos de devolverlle toda esta hospitalidade e xenerosidade”.

 

Go to top