fbpx

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, mantivo hai uns días unha reunión con representantes do tecido deportivo e clubs do municipio, para trasladarlles os detalles da actuación que o Concello levará a cabo no pavillón polideportivo da Seca. Trátase dun ambicioso proxecto que servirá para acometer a mellora integral da superficie. Tal e como explicou a edil do Goberno local, o devandito proxecto atópase actualmente en fase de licitación, logo de que a Xunta de Goberno dese luz verde á aprobación do expediente. “O seguinte paso será confirmar a adxudicación e, a partir de aí, poderán comezar os traballos”, apunta.

Caldas incide na importancia de acometer estas tarefas, “moi necesarias” para arranxar os problemas e deficiencias que se detectaron na superficie. “Hai que ter en conta que o pavillón é moi utilizado para competicións e adestramentos, polo que acometemos esta actuación para garantir unhas condicións óptimas na infraestrutura”, apuntou a edil de Deportes, que cifra en preto de 150.000 euros o investimento que realizará o Concello para facer realidade unha obra que “dará resposta ás necesidades dos clubs”. Deste xeito, nos vindeiros meses o pavillón da Seca pasará a contar cunha nova superficie homologada e de última xeración.

Marga Caldas lembrou tamén que actualmente estanse a executar traballos de mellora similares no pavillón do CEIP Lourido, que tamén pasará a contar con pista homologada, o que permitirá “que estas instalacións poidan acoller partidos oficiais e máis adestramentos, especialmente durante o tempo no que o pavillón da Seca non estea operativo polas obras”. A maiores, segue avanzando a substitución do céspede sintético da Reiboa.

 

Go to top