Un ano máis, a Concellería de Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández, aproveita a chegada do outono para impulsar unha ampla oferta de lecer e formativa. As actividades darán comezo o vindeiro mes de outubro e xa está aberto o período de preinscrición. Ademais de dar continuidade a citas que en edicións anteriores contaron cunha gran participación, como é o caso dos obradoiros de tapicería e cestería ou as andainas, tamén se inclúen novidades como un curso de adestramento canino, a realizar entre marzo e maio de 2023.
Trátase dun ciclo que terá unha duración de 30 horas, 20 teóricas e 10 prácticas, e que se levará a cabo os sábados, de 10.30 a 13.00 horas, na Finca de Besada, cun prezo de 25 euros.
Unha das primeiras actividades coas que arrincará a programación será o obradoiro de tapicería, os venres de 10.00 a 12.00 horas, tamén na Finca de Besada, entre outubro e novembro. Neste caso, a cota será de 22 euros ao mes. Tamén en outubro serán as ‘Andainas de Outono’, que dan continuidade ás de primavera, que contaron cunha gran participación e acollida por parte da veciñanza. As saídas realizaranse os días 2, 16 e 30 de outubro, entre as 9.30 e as 14.00 horas, sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan. A inscrición é gratuíta, se ben haberá que depositar unha fianza de 10 euros, que será devolta o mesmo día da excursión. O curso de cestería, de xaneiro a marzo de 2023, e o de iniciación ao ‘breaking’, de febreiro a abril, completan a oferta de lecer.
Con respecto ás actividades de formación, a concelleira Rosa Fernández informa de que se ofertará un curso oficial de primeiros auxilios, parcialmente subvencionado e cunha tarifa de inscrición de 55 euros, de 40 horas de duración, a realizar na Finca de Besada a partires de outubro, os martes e xoves de 16.30 a 20.30 horas. Tamén se impartirá un ciclo de monitor ou monitora de comedor escolar, de luns a xoves de 10.00 a 13.30 horas, no mesmo emprazamento, e que tamén está parcialmente subvencionado (prezo de 25 euros). Por último, desde a área de Mocidade lémbrase que segue activo ‘Un ordenador para min’, un espazo de uso libre para realizar xestións e tramitacións como pedir cita no INEM ou renovar a tarxeta de demanda de emprego, entre outras. Requírese de cita previa, chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co asunto ‘Uso ordenador’. O horario de atención e´de 13.00 a 14.30 horas.
Todas estas actividades levaranse a cabo sempre e cando se consiga reunir un número mínimo de persoas inscritas. Ademais, a partires do 3 de outubro a Casa Rosada estreará o seu horario de inverno, de luns a venres de 8.00 a 15.00 horas polas mañás e de 17.00 a 22.00 horas polas tardes.
Campaña contra o Alzheimer
Por outra banda, a Concellería de Benestar Social e Mocidade colabora activamente coa Confederación Estatal de Mayores Activos (CONFEMAC) para realizar campañas de sensibilización relacionadas coas perso
as maiores. Unha desas accións é facer visible o Día Mundial do Alzheimer que se celebra este mércores, 21 de setembro.
A través desta liña de colaboración, o departamento municipal procedeu á pegada de carteis informativos e difusión de material informativo a través dos perfís oficiais do Concello nas redes sociais, para concienciar sobre a necesidade de axudar ás persoas que padecen esta doenza.