fbpx

O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, deu a coñecer este mércores a programación completa das Festas da Merced 2022, que terán lugar a vindeira fin de semana, do 23 ao 25 de setembro, e que supoñen o broche de ouro ao programa Verán En Poio. Martínez estivo acompañado por representantes da Fraternidad Seglar Mercenaria Orden III, entidade que colabora nesta cita, na que non faltarán actuacións musicais, verbenas e actos relixiosos. Tamén asistiu a edil de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG).

A explanada da Seca será un dos centros neurálxicos destas festas, ao acoller as  verbenas nocturnas do venres e do sábado. Na primeira xornada actuarán, desde as 21.30 horas, as orquestras Saudade e Charlestón. Na medianoite procederase á tirada de fogos de lucería. Xosé Luís Martínez lembra que estas iniciativas tiveran que ser adiadas en xuño, nas Festas de San Xoán, por mor das inclemencias meteorolóxicas. “Afortunadamente, todo apunta a que nesta ocasión o tempo acompañará para despedir os festexos de verán, que atraeron a un gran número de visitantes a Poio durante estes meses”, indicou o edil do Goberno municipal.

Con respecto ao sábado 24, día grande da Merced, pola mañá haberá dianas e alboradas, con protagonismo para os grupos Vides Novas e a Escola de Música Tradicional de Poio. Ás 12.00 horas celebrarase a tradicional Misa da Vendima, coa actuación da Coral de Poio. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o Mosteiro de San Xoán acollerá a misa con procesión na honra da patroa. Participarán a Banda de Música de Marín e a Coral Virxe de Fátima. Pola noite, ás 21.30 horas, A Seca despedirá as verbenas coas actuacións de Tango de Vigo e a orquestra Marbella. A programación pecharase o domingo 25 cunha actuación a cargo da Escola de Acordeóns de Campelo. Esta cita será no lugar de Vilariño, a partir das 18.00 horas.

Xosé Luís Martínez agradece a implicación das entidades e colectivos que colaboran no deseño desta programación. O concelleiro de Festexos lembra que o devandito programa tivo que ser modificado, debido á suspensión da procesión nocturna, decisión que foi tomada polos  Mercedarios de suspender a tradicional procesión e misa nocturna. “Ao ter coñecemento desa decisión foi cando apostamos por pasar o espectáculo de artificio para a noite do 23, xa que inicialmente tiñamos previsto facelo o xoves 22”, puntualizou.

 

Go to top