fbpx



O Casal de Ferreirós acollerá o vindeiro venres 30 de setembro, ás 18.00 horas, as Xornadas do Colón Galego. Trátase dunha iniciativa que ten  coma obxectivo dar a coñecer as últimas novidades e actualizacións sobre a teoría da orixe galega do navegante, seguindo así folla de ruta impulsada polo Concello de Poio de difundir e promocionar a devandita teoría, a través de actividades e actuacións vencelladas á Casa Museo de Portosanto. Estas xornadas, con entrada libre, contarán coa presencia de dúas das principais figuras da defensa da orixe galega de Cristóbal Colón. Unha das ponencias correrá a cargo do escritor e investigador Ángel Carracelas, autor de La Huella de Pedro Madruga en Cristóbal Colón.

 Tamén haberá unha conferencia impartida por Pedro Martín, presidente da Asociación Galicia Histórica, un dos colectivos máis implicados á hora de dar a coñecer a teoría do Colón Galego e a promoción das dependencias de Portosanto. Unha vez finalizadas as charlas, levarase a cabo unha visita guiada na Casa Museo, que estará dirixida por reponsables do colectivo que preside Pedro Martín. Pódese obter máis información chamando ao 986833204 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Por outra banda, o Concello lembra que este sábado 17 de setembro terá lugar unha nova cita, dirixida nesta ocasión a rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Trátase dun taller sobre navegación, a través da cal as nenas e nenos inscritos terán ocasión de coñecer as características dos tipos de embarcacións que se utilizaban na época na que tivo lugar o descubrimento de América. Ademais, tamén se afondará, dunha forma lúdica e amena, na teoría do Colón Galego. A actividade rematará cunha sesión de pintura.

Este tipo de iniciativas fináncianse a través do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Marítimo Europeo e da Pesca. As áreas de Turismo, dirixida pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), e Pesca e Marisqueo, coordinada polo socialista Julio Casás, apostan pola dinamización, a promoción e a posta en valor da Casa Museo e do Bosque de Colón, ao tempo que se promove e se difunde a teoría da orixe galega do navegante máis universal.

 

Go to top