fbpx

O concello de Poio rexistra na actualidade uns datos de desemprego que se sitúan nos mínimos dos últimos anos. Así o confirmou o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), que cifra en máis dun 17% o descenso de persoas en paro rexistrado desde xaneiro ata a actualidade. Actualmente, Poio conta cunha taxa de desemprego do 10,7%, a porcentaxe máis baixa desde antes de 2006. A día de hoxe son un total de 844 os veciños e veciñas que non dispoñen de posto de traballo, mentres que a comezos de ano esta cantidade cifrábase en 1.201. “A tendencia durante todos estes meses foi a de ir reducindo paulatinamente estas cantidades.

Aínda queda moito camiño por percorrer, pero imos pola senda correcta”, entende o edil do Goberno municipal, que lembra que “se ben a capacidade de manobra da Administración local no que a xeración de emprego se refire é limitada, en Poio poñemos a disposición da cidadanía ferramentas para potenciar a formación e impulsar o emprendemento”. Esta folla de ruta levou a que na última década o desemprego descendese no municipio en preto dun 25%. En agosto de 2012, o número de desempregados e desempragadas ascendía a case 1.800. “A falta de coñecer os datos correspondentes de setembro, a valoración que facemos é moi positiva”, indica.

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo deu a coñecer estes datos durante a presentación do curso de formación de caixa e reposición, un ciclo co que se pecha o programa de obradoiros formativos impulsados por este departamento no que vai de ano. As clases impártense no Centro de Formación da Reiboa, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e finalizarán o 10 de outubro. Antes desta iniciativa xa se impulsaron outras que versaron sobre loxística e distribución con carretilla elevadora, limpeza hospitalaria, expendedor de combustible e recepcionista de aloxamentos turísticos. “Son formacións que impulsamos tendo en conta a demanda existente en sectores como o comercial, servizos e turismo”, apunta Gregorio Agís, que destaca que “en todos os casos cubrimos o 100% de prazas ofertadas”.

Outro punto no que incide o edil socialista é que todos estes cursos, ademais da súa parte teórica, tamén inclúen horas prácticas en empresas da contorna, o que facilita que a inserción laboral estea por riba do 21%. “Continuaremos a impulsar iniciativas deste tipo para seguir fomentando a busca de emprego eficaz, a formación e o emprendemento”, garante Gregorio Agís.

Ademais de inaugurar este ciclo, o concelleiro de Promoción Económica visitou  ás participantes no curso Galegas Dixitais, unha iniciativa en chave de formación no que ao uso de ferramentas e novas tecnoloxías se refire e que está dirixido de xeito específico para mulleres. O ciclo realízase na aula de informática do Centro de Formación da Reiboa, no lugar da Seca (San Xoán), e conta con 20 inscritas. O Concello colabora no desenvolvemento desta actividade, que está organizada por BeProject Consultores e Ara Formación. Asemade, está a piques de iniciarse un curso gratuíto de moda sostible impulsado por este departamento. Trátase dunha acción que ofrece ás persoas inscritas a posibilidade de converter prendas de roupa que non se usan en accesorios de moda. “Perseguimos varios obxectivos con estas iniciativas, como son potenciar o emprendemento e a formación profesional e, neste caso, apostando pola economía sostible e cumprindo o establecido pola Axenda 2030”, apunta Agís.

O curso, que é gratuíto e está dirixido a persoas en situación de desemprego, con prioridade para mulleres, dará comezo o venres 23 de setembro. Terá unha duración de 60 horas, das cales 45 serán ‘on line’ e as 15 restantes presenciais. Estas últimas desenvolveranse no Centro de Formación da Reiboa os días 23 de setembro e 7 e 21 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O proxecto está financiado a través da Fundación Biodiversidad, con fondos Next Generation xestionados polo Goberno central e que reparte entre as diferentes Administracións autonómicas.

Ademais de acoller este tipo de accións formativas, o Centro da Reiboa tamén dispón do servizo de Orientación Laboral e no futuro albergará o Espazo Crea, un centro de traballo para emprendedores e emprendedoras do municipio. Este proxecto atópase actualmente en proceso de licitación para poder desenvolver as pertinentes obras de reforma das dependencias.

 

Go to top