fbpx

O concello de Poio pechou a tempada estival acadando unha ocupación media, entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, que practicamente chegou ao 65% (64,6). Así figura no informe elaborado polo departamento de Turismo, dirixido pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), en base á información achegada polos establecementos hoteleiros regulados do municipio que estiveron operativos durante o verán, entre os que se inclúen hoteis, apartamentos, casas rurais, albergues e pensións.

Tal e como lembra Díaz, o pico de ocupación rexistrouse durante a primeira quincena de agosto, cando se rozou o 95%, o mellor dato nos últimos anos nese período. Con respecto ao tramo final da tempada, correspondente ás dúas primeiras semanas de setembro, o índice de reservas chegou ata o 40%. “O que nos traslada o sector é que, en liñas xerais, as expectativas do verán cumpríronse e agora toca seguir traballando para que esta actividade continúe a consolidarse como un dos principais motores económicos do municipio”, sinala a concelleira de Turismo. No caso da porcentaxe correspondente a setembro, Silvia Díaz recoñece que “os datos previos á pandemia da COVID-19 son máis elevados, pero hai que ter en conta que durante estas dúas últimas semanas rexistráronse varios días de chuvia e mal tempo”. Outro factor a ter en conta foi o adianto do inicio do curso escolar con respecto a anos anteriores, o que provocou que se resentise o turismo familiar, moito máis consolidado durante xullo e agosto.

Oficinas de Turismo

Con respecto á actividade rexistrada nas Oficinas de Turismo, situadas na Escola do Campo de Combarro e no Casal de Ferreirós (San Salvador), prestouse asesoramento a máis de 700 persoas. Máis do 10% corresponderon a usuarios e usuarios estranxeiros, chegados desde países como Holanda, Inglaterra, Irlanda, Arxentina, Francia, Alemaña, Portugal e Israel. Con respecto ao turismo nacional, a meirande parte de visitantes chegaron de Madrid, Euskadi e Andalucía.

 

Go to top