fbpx

A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), confirma que o programa Descubre Poio contará nos vindeiros meses cunha segunda edición. Deste xeito, volveranse impulsar a través desta iniciativa ciclos formativos gratuítos para profesionais do sector, ademais de continuar coas reunións de traballo para definir as liñas estratéxicas a seguir en 2023, de cara a “consolidar o noso concello como un destino de referencia tanto durante o verán como no resto do ano”.

Díaz explica que para a Concellería de Turismo “as liñas de traballo que se marcaron coa experiencia “Descubre Poio” foron un salto cualitativo que é necesario seguir impulsando. Tamén, as asociacións de profesionais e as persoas que traballan no sector turístico nos animan a continuar co programa”. A tenente de alcalde ten claro que esta “é unha ferramenta moi útil e efectiva, posto que nos permite manter unha canle aberta co sector para coñecer as súas inquedanzas e necesidades, así como para canalizar as propostas e suxestións que desexen facer”. Maila que as datas das actividades que formarán parte da programación aínda non están pechadas, Silvia Díaz confirma que, ao igual que na primeira edición, desenvolveranse durante a tempada baixa. “Temos claro que queremos manter as reunións de traballo, que resultaron moi efectivas á hora de valorar as fortalezas de Poio como destino turístico, así como para detectar os retos e oportunidades que hai que aproveitar”, sinala a edil do Goberno local, que tamén adianta que se volverán a ofrecer cursos de formación para profesionais. “Estamos elaborando un catálogo de propostas. Levaranse a cabo as que conten cunha maior demanda por parte do sector”, indicou Díaz.

A primeira edición do Descubre Poio tivo lugar entre os meses de novembro de 2021 e xaneiro de 2022. Durante esas semanas, impulsáronse diferentes ciclos, que versaron sobre comunicación para negocios, o uso de novas tecnoloxías ou a potenciación da imaxe de marca, entre outros. Ademais, as reunións de traballo, segundo explica a concelleira de Turismo, “resultaron moi útiles para definir actuacións e iniciativas a desenvolver desde o Concello, para dar resposta ás necesidades dos e das profesionais”. Outro obxectivo que se marca nesta segunda edición do Descubre Poio é ampliar o número de participantes. “Aspiramos a que se sumen novos responsables de negocios a esta iniciativa”, recoñece Silvia Díaz, que salienta a importancia de aproveitar o programa para outras cuestións, como a ampliación de información dos servizos que se ofrece a través da páxina web de Turismo (www.turismodepoio.gal), na que se pon a disposición dos usuarios e usuarias datos de contacto, horarios e servizos de establecementos de hostalería ou aloxamento, entre outros.

 

Go to top