fbpx

A tenente de alcalde e responsable de Participación Veciñal, Espazos Cidadáns e Transparencia, Silvia Díaz (Avante Poio), informa de que o vindeiro martes, 22 de novembro, ás 20.00 horas terá lugar a sesión constitutiva do Consello de Participación Veciñal, un órgano de participación que aspira a consolidarse como “unha canle directa e eficaz de comunicación e colaboración entre a Administración local e os colectivos veciñais de Poio, facilitando o intercambio de información, a participación na toma de decisións, a organización de iniciativas ou o desenvolvemento de actuacións e proxectos que dean resposta ás necesidades da veciñanza”, apunta a propia Díaz.

Poio recupera, deste xeito, un órgano que estivo operativo por última vez hai preto de 15 anos. A súa reactivación é un paso máis por parte do Goberno local á hora de garantir ferramentas útiles e efectivas na relación entre o Concello e as asociacións veciñais das diferentes parroquias poienses. A súa configuración é, precisamente, un dos puntos que se recollen no Regulamento de Participación Veciñal, aprobado de forma definitiva hai uns meses e elaborado conxuntamente por todos os grupos da Corporación. Esta convocatoria inicial culmina un proceso moi laborioso, para o cal non só foi preciso aprobar previamente o devandito regulamento, senón tamén acometer a actualización do Rexistro de Asociacións do Concello. Sobre este punto, Díaz indica que “é de agradecer o esforzo que fixeron as asociacións á hora de actualizarse e adaptarse aos requisitos que establece a normativa vixente”.

Tal e como establece o artigo 26 da ordenanza, o Consello de Participación Veciñal, unha vez constituído, contará con dúas sesións ordinarias anuais, cada seis meses e estará presidido polo alcalde ou a concelleira en quen delegue esta función. A vicepresidencia corresponderá a un membro que non forme parte da Corporación municipal, cuxos catro grupos (BNG, PSOE, Avante e PP) estarán representados no órgano, así como as asociacións inscritas no rexistro municipal que inclúan na súa denominación a tipoloxía "veciñal" e aquelas que, non tendo no seu nome a tipoloxía "veciñal", inclúan nos fins principais da asociación “a promoción dos intereses xerais da veciñanza” se presentan no rexistro municipal solicitude expresa de formar parte do Consello de Participación Veciñal.   Á sesión de constitución foron convocadas a través da sede electrónica municipal as asociacións AVCD de Lourido, ACVV Ronsel, AVV San Xosé, AVV Boureante, AVCR Combarro, AVV Campelo, AVV O Bao, AVV Muíño Vilanova, AVV A Laxe de Raxó, AVV A Rega e ASCD Raxó. Silvia Díaz explica que o consello “é o órgano de participación na actividade do concello representativo dos intereses veciñais e das parroquias”. Así, esta será a canle a través da cal se poderán realizar propostas sobre o funcionamento de servizos e equipamentos no territorio municipal, así como expoñer as necesidades da poboación e do territorio. Ademais, o regulamento contempla tamén a opción de propoñer ao Pleno o tratamento de asuntos que se consideren convenientes, así como a súa intervención durante as sesións plenarias.

“A consolidación do Consello de Participación Veciñal é un paso máis no traballo realizado para mellorar e garantir a transparencia, facilitar a implicación da cidadanía e continuar impulsando un concello aberto”, en palabras da tenente de alcalde, quen lembra outros instrumentos postos ao servizo da participación como como a web participaenpoio.gal e o proxecto Contorna Cidadá, que nas próximas semanas celebrará o seu terceiro encontro.

 

Go to top