fbpx



O 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico e Artístico será protagonista na décima quinta edición do Culturgal, que terá lugar esta fin de semana en Pontevedra. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), acudirá a esta cita acompañada por integrantes da Asociación Cultural A Solaina, para presentar unha das partes do vídeo ‘Lembranzas: Memoria viva da historia de Combarro’, que foi proxectado, cunha gran acollida, durante os actos institucionais celebrados hai uns días para conmemorar a histórica data.

VER DOCUMENTAL

Este bloque do vídeo será emitido no Cultural ás 12.00 horas do domingo 27 de novembro. No mesmo, os responsables da Solaina fan un exhaustivo repaso á historia de Combarro e á súa gran riqueza desde o punto de vista patrimonial. Raquel Rodríguez entende que o Culturgal “é o escaparate ideal para proxectar e consolidar a imaxe do núcleo de Combarro como un lugar de referencia polo seu valor patrimonial, tradicional e intimamente vencellado aos sectores do mar”. A concelleira nacionalista aproveitou a ocasión para, unha vez máis, agradecer a implicación e colaboración de todas as persoas, veciños e veciñas que participaron na elaboración do vídeo, así como ao esforzo realizado polo persoal do departamento de Cultura e aos profesionais da súa gravación e montaxe.

Ademais, Rodríguez Alonso lembra que o vídeo está a disposición da cidadanía na canle oficial de YouTube do Concello de Poio. A maiores, ao longo destes días tamén se están a proxectar nos perfís de Facebook e Instagram os catro bloques, nos que persoas vencelladas a sectores como a pesca e ao marisqueo falan da evolución de Combarro ao longo deste medio século, así como integrantes de asociacións históricas como Os Berberechiños e responsables de emblemáticas tendas de barrio que “durante moitos anos foron un referente no pobo. Combarro é o que é hoxe en día grazas ás súas xentes e, sen dúbida, merecen todo o noso agradecemento e recoñecemento”, conclúe a concelleira de Cultura.

 

Go to top