Despois de 15 anos desde a súa última convocatoria, o Consello Municipal de Participación Veciñal volve estar operativo. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, presidiu o pasado martes a sesión constitutiva deste órgano, da que forman parte as asociacións veciñais das diferentes parroquias do municipio. Esta primeira toma de contacto serviu, ademais, para designar aos seus membros. Deste xeito, o alcalde Sobral delegou a presidencia na concelleira de Participación Veciñal, Espazos Cidadáns e Transparencia, Silvia Díaz (Avante Poio). A vicepresidencia a asumirá, de xeito rotatorio, un representante dos colectivos. Cada nomeamento terá unha vixencia máxima dun ano. Ademais as agrupacións veciñais, no Consello tamén están presentes membros dos catro partidos da Corporación municipal. Ademais da presidenta Silvia Díaz, figuran Raquel Rodríguez (BNG), Gregorio Agís (PSdeG-PSOE) e Ángel Moldes (Partidos Popular).
Outro asunto abordado na sesión constitutiva foi a elección dos representantes deste consello na Asamblea de Participación Cidadá, na que tomarán parte membros dos diferentes consellos municipais activos en Poio (Deportes, Cultura, Muller e o de Participación Veciñal). Cada un destes órganos estará representado na Asemblea por dous integrantes de colectivos que forman parte dos devanditos órganos. Tal e como lembra a tenente de alcalde, a Asemblea de Participación Cidadá convocarase “para tratar asuntos transversais e de interese xeral para toda a veciñanza, sen seren tan locais como os que se abordan en cada un dos consellos municipais”. Asemade, Silvia Díaz adiantou que o Consello de Participación Veciñal celebrará a súa primeira sesión ordinaria antes de que remate o ano. Nesa convocatoria abordaranse xa as cuestións, propostas e demandas que presenten os colectivos que forman parte deste órgano. “Temos claro que esta é unha ferramenta de gran utilidade á hora de garantir a transparencia e o contacto constante entre o Concello e o tecido veciñal, o que sen dúbida facilitará a organización e realización de actuacións nas parroquias”, afirmou.
A constitución do Consello de Participación Veciñal dá cumprimento a un dos puntos que se establecen no Regulamento de Participación Veciñal, aprobado neste mandato e en cuxa elaboración participaron todos os grupos da Corporación municipal.