fbpx

O Concello de Poio recibiu esta mesma semana, concretamente o pasado mércores 11 de xaneiro, o convenio e os informes xurídicos pertinentes que permitirán impulsar a mellora e humanización da contorna do porto de Raxó. Trátase dunha actuación a realizar por parte de Portos de Galicia e que supera os 900.000 euros, e dos cales a Administración local asumirá o 30%. Precisamente, prevese que a aprobación definitiva do convenio se someta a Pleno na sesión ordinaria deste mes de xaneiro, finalizando así a tramitación iniciada en xullo, cando o ente dependente da Xunta de Galicia e o Goberno local confirmaron o acordo.

O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), lembra que este proceso iniciouse en pleno verán. Foi entón cando Portos remitiu ao Concello un primeiro borrador do convenio. “Posteriormente, houbo que agardar a que nos enviasen tamén o proxecto, para que fose revisado polos técnicos municipais”, lembra o edil do Goberno local, que tamén recorda que nos últimos meses de 2022 aprobouse en Pleno a contía económica que asumirá a Administración municipal. “Ese acordo remitiuse a Portos e agora estabamos pendentes de que nos enviasen o documento definitivo, no que se inclúen as achegas que asumirá a Xunta de Galicia, e que entrou por Sede Electrónica esta mesma semana”, recalcou o responsable de Urbanismo, que deixa claro que “non podíamos levar a Pleno a aprobación do convenio ata que non tivésemos este documento definitivo. Actuamos en tempo récord para que toda esta tramitación estea lista, de xeito que Portos teña xa vía libre para licitar este proxecto tan necesario para a nosa veciñanza”.

Cómpre lembrar que inicialmente Portos contemplaba un investimento duns 600.000 euros para acometer a humanización. Finalmente, a contía ascende a máis de 900.000, toda vez que se contempla unha ampliación do ámbito, tal e como defendía o Goberno municipal e o tecido asociativo de Raxó, o que permitirá que a reforma se estenda desde o peirao ata o PO-308. “Desta maneira, a mellora integral terá o mesmo tratamento desde o propio porto ata a estrada autonómico e se fará un uso de elementos e acabados que dignifican e poñan en valor toda a contorna, con acabados en pedra e rasgos eséticos que garantan a humanización de todo o espazo”, sinala Gregorio Agís.

 

Go to top