fbpx

Poio volverá a ter visibilidade como destino turístico na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid entre os días 18 e 22 de xaneiro. A tenente de alcalde e responsable desta área, Silvia Díaz (Avante Poio), e a técnica de Turismo Mónica Neira estarán presentes o xoves 19 no que é un dos grandes eventos de referencia no sector a nivel internacional. Díaz confirma que, ao igual que na edición de 2022, Poio estará novamente presente formando parte do stand da Red de Pueblos Mágicos de España, da que forma parte Combarro  desde 2019, xunto a máis cun cento de localidades españolas, e das cales só nove son galegas. Esta rede está impulsada polo Instituto del Desarrollo Local y Estudios Sociables (IDL), co obxectivo de promover iniciativas, actuacións e proxectos, en colaboración coas administracións públicas, que fomenten a promoción e o medre da actividade turística.

Este ano, tal e como explica a concelleira de Turismo, dentro do material promocional que Poio ofrecerá en FITUR destaca a difusión dos espazos naturais de Poio e como novidades os folletos informativos da Illa de Tambo e da Casa Museo de Colón. “Estamos a falar de dous grandes atractivos non só desde o punto de vista turístico, senón tamén histórico, patrimonial e cultural e que, ademais, poden axudar a atraer a visitantes fóra da tempada do verán”, incide Silvia Díaz, que salienta a gran expectación que causaron as visitas guiadas á illa, operativas desde agosto do ano pasado e nas que tomaron xa parte máis de 5.000 persoas, ben a través de inscricións individuais ou tomando parte en excursións organizadas por asociacións e colectivos. Tal e como recorda a tenente de alcalde, nos folletos informativos sobre Tambo ofrécense datos de interese sobre a súa extensión, vexetación, fauna e restos arqueolóxicos, como a Ermida de San Miguel, o lazareto ou as instalacións militares.

Con respecto á Casa Museo de Colón, Silvia Díaz salienta que as instalacións de Portosanto son “o escaparate e o centro de difusión da teoría da orixe galega do navegante”, algo que “agora máis que nunca queremos poñer en valor”, logo dos traballos de investigación e exhumación de restos que se levaron a cabo nos últimos meses no adro da igrexa de San Salvador para tratar de determinar a orixe do descubridor do continente americano. Estes folletos foron elaborados no marco do Plan de Dinamización da Casa Museo, impulsado polas Concellerías de Turismo e de Pesca e Marisqueo, e que resultou todo un éxito. “Entre os meses de abril e outubro desenvolvéronse numerosas actividades e iniciativas, pensadas para persoas de diferentes idades, que contaron con numerosa participación, ao tempo que se incrementaron de xeito notable as visitas á Casa Museo e ao Bosque de Colón”, explica Díaz.

Participación en campañas promocionais

Por outra banda, a concelleira de Turismo participará no acto de presentación da campaña de promoción do destino Rías Baixas, promovida pola Deputación de Pontevedra. Ademais, Silvia Díaz tamén asistirá ao acto no que se divulgará a campaña ‘Camiña comigo’ da Mancomunidade do Salnés, na que se promociona a Variante Espiritual do Camiño Portugués, da que forma parte Poio e  que transcorre ao longo de emprazamentos emblemáticos como o Mosteiro de San Xoán, a ensenada da Reiboa e o Parque da Memoria ou o casco histórico de Combarro.  

A concelleira de Turismo incide na importancia de contar con protagonismo e visibilidade nunha cita como Fitur. A tenente de alcalde manterá unha reunión con membros da Asociación de Hostalería de Poio o vindeiro mércores para adiantarlles o traballo de promoción que se levará a cabo na feira internacional.

 

Go to top