fbpx

A campaña solidaria ‘Eu Son Gaiat@’, impulsada de xeito transversal por varios departamentos municipais do Concello de Poio, vai tomando forma. Esta semana as concelleiras de Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández, e a de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, tomaron parte nunha reunión con representantes do tecido educativo do municipio, para promover a iniciativa nos colexios e no IES. A intención é aproveitar a conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, o vindeiro 30 de xaneiro, para reunir fondos para axudar ao orfanato Casa do Gaiato, situado en Mozambique, no que conviven preto de 150 menores sen familia, vítimas dos conflitos bélicos e da pandemia do SIDA.

A proposta xorde a raíz do traballo de campo que levou a cabo en outono de 2022 a directora do CIM, Raquel Morales, no país africano, nun proxecto de colaboración co Fondo Galego de Cooperación.

Ademais das áreas anteriormente mencionadas, na campaña tamén se involucran activamente as concellerías de Igualdade, Participación Veciñal e Deportes, que se encargarán de difundir a proposta entre clubs, entidades e colectivos do municipio. Tal e como explicaron as responsables da iniciativa, entre o 30 e o 3 de febreiro habilitaranse nos colexios e no IES os ‘Rincóns Gaiato’, que son espazos que albergarán furnas para recoller donativos, que poderán ser entregados polos e polas estudantes en sobres elaborados especialmente para este fin. Ademais, o alumnado tamén levará a cabo unha serie de traballos e deseños para adornar os centros cunha temática vencellada a Mozambique, facendo fincapé nos seus costumes, paisaxes, historia ou a súa bandeira. A maiores, Raquel Morales impartirá unha charla sobre o seu labor no país africano para alumnos e alumnas do IES. Pola súa banda, tamén se acordou facer unha achega de 500 euros para esta campaña desde o Fondo de Emerxencia Social. Os fondos reunidos serán entregados á ONG Mozambique Sur. As familias poderán obter máis información na web fundacionmozambiquesur.org.

Desde o Concello agradécese a implicación e interese amosado polos responsables dos centros educativos, tanto pola boa acollida que tiveron á hora de formar parte desta campaña como polas suxestións e achegas realizadas durante a reunión de traballo. “Desde hai moitos anos celebramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz dun xeito máis simbólico e festivo, pero este ano queremos darlle este enfoque solidario para moitos nenos e nenas que está nunha situación moi difícil, porque ofrecer axuda sen agardar nada a cambio tamén da moi paz”, sinalan as responsables das áreas protagonistas da iniciativa.

 

Go to top