fbpx

A empresa Modo Caste Sociedad Limitada será a encargada de acometer os traballos de impermeabilización de parámetros verticais e horizontais no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó. Así o confirmou a tenente de alcalde e responsable da área de Espazos Cidadáns e Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante Poio), que explica que o orzamento final para levar a cabo esta actuación ascende a un total de 45.000 euros, IVE engadido. A Xunta de Goberno Local deu o visto bo á tramitación na súa última sesión ordinaria, polo que se agarda que as obras poidan comezar nas vindeiras detas.

Unha vez comezadas, estímase que as tarefas terán unha duración aproximada de dous meses, polo que Díaz confía en que sexan xa unha realidade na primavera. A tenente de alcalde incide na necesidade acometer este proxecto, co obxectivo de suprimir de forma definitiva as filtracións de auga e humidade que se teñen detectado a través da cuberta, especialmente en época de chuvias copiosas. A actuación non só se limitará á cuberta plana transitable, senón que tamén afectará á fachada e ás carpinterías exteriores do centro. A firma adxudicataria aplicará un selado de xuntas co aplacado de pedra natural, mediante o uso dun morteiro flexible. No proxecto inclúense, asemade, as reparacións de fisuras e unha aplicación de revestimento elástico, a base de resina acrílica, para evitar que se reproduzan.

Silvia Díaz fai fincapé en que a realización destas obras non suporá a paralización das actividades, cursos e iniciativas que se desenvolven no Xaime Illa. “Intentaremos que os traballos afecten o menos posible aos usuarios e usuarias”, sinala a concelleira de Espazos Cidadáns e Participación Veciñal, que recorda que esta é unha das actuacións levadas a cabo dentro da folla de ruta establecida para a posta a punto da Rede de Espazos Municipais (REM). Neste sentido, Díaz lembra que tamén está proxectada unha actuación de mellora nas dependencias da Casa Museo de Colón. “Estamos pendentes de recibir o visto bo por parte de Patrimonio para avanzar na tramitación”, anunciou.

 

 

Go to top