fbpx

A concelleira de Sanidade, Marga Caldas (BNG), informa que xa está en marcha a campaña informativa, acordada co tecido asociativo do concello na última convocatoria da Mesa En Defensa dos Dereitos da Sanidade en Poio, sobre a mobilización que terá lugar o vindeiro 12 de febreiro (domingo) en Santiago. Trátase dunha manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que se impulsa co obxectivo de esixir á Xunta de Galicia que garante un servizo sanitario en condicións, tanto para os e as pacientes como para o persoal médico.

Nos últimos días, a propia concelleira do Goberno local participou na pegada de carteis, na que se informa dos detalles da manifestación. Ademais, Caldas Moreira lembra que o Concello de Poio habilitará autobuses para o desprazamento ata a capital galega. A saída será o devandito domingo 12 de febreiro, ás 10.30 horas, desde A Seca, na parroquia de San Xoán. A edil responsable da área de Sanidade incide na importancia de tomar parte nesta convocatoria, habida conta da “precaria situación na que se atopa este servizo, indispensable na cidadanía, tanto no país como, especialmente no noso concello”.

Neste sentido, Caldas lembrou que na actualidade aínda hai prazas de profesionais que nos centros de saúde de Poio non se cobren, situación que xera problemas especialmente cando os profesionais están de vacacións ou de baixa. “No noso concello atopamos un dos ratios de número de pacientes por médico máis altos de Galicia e a situación, lonxe de mellorar, segue empeorando pola falta de implicación da Consellería de Sanidade”, denuncia a concelleira nacionalista.

Cómpre lembrar que na Mesa en Defensa dos Dereitos da Sanidade en Poio tamén se acordou apoiar, por parte de todos os grupos da Corporación, unha moción denunciando a situación das urxencias sanitarias na área sanitaria Salnés-Pontevedra, á cal pertence o concello.

 

Go to top