fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polas concelleiras nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez, visitou estes días o núcleo da Caeira, pertencente á parroquia de San Salvador, para pasar revista ao estado das obras que se están a acometer nunha parcela anexa coa vía que enlaza as rúas Río Sil e Umia. Este é o emprazamento escollido polo Concello para habilitar unha zona verde, que xa con especies arbóreas autóctonas, mobiliario urbano e tamén con aparellos biosaudables, que serán instalados proximamente.

As tarefas para poñer a punto esta área, que aspira a converterse “nun punto de encontro para a veciñanza deste núcleo”, tal e como explicou o alcalde Sobral, deron comezo a finais do ano pasado. Despois de preparar o terreo procedeuse á colocación do mobiliario e a plantación das árbores. A dotación dos biosaudables tivo que pospoñerse algo máis do agardado por mor das adversas condicións meteorolóxicas das últimas semanas. Nas últimas xornadas xa se procedeu á colocación da base na superficie na que se emprazarán os aparellos. Ademais, precintouse o perímetro para permitir o correcto desenvolvemento das tarefas.

Tanto Sobral como as concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez coinciden á hora de explicar que os novos elementos, que inclúen un valado de madeira, respectan por completo a contorna. Esta actuación segue a filosofía que se consolida no municipio a través da campaña Poio en Verde. Esta iniciativa está impulsada de xeito transversal por varias áreas, como son Medio Ambiente, Deportes, Seguridade Cidadá, Cultura e Educación, e fixa obxectivos vencellados coa dotación de zonas e espazos ao aire libre, a través dos cales se poidan fomentar hábitos saudables, a accesibilidade universal e o respecto pola contorna.

 

Go to top