fbpx

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller, e a Concellería de Igualdade do Concello de Poio desenvolverá a programación de actividades de sensibilización e concienciación durante todo este mes, co obxectivo de impulsar e consolidar entre a mocidade, o eido educativo, o social e a cidadanía en xeral valores e ferramentas que consoliden a prevención e a eliminación das violencias sobre as mulleres. A campaña “MAN A MAN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO” inscríbese nas medidas adoptadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

PROGRAMA

VIOLENCIAS COTIÁS: OBRADOIROS CREATIVOS #POESÍAVISUAL

Dende o 2 ao 13 de novembro, as asociacións de mulleres do noso concello traballan "Man a Man" para a creación de #PoesiaVisual que servirá de materiais de difusión para sensibilizar a concienciar na necesidade de prevención das condutas machistas e de erradicar a violencia. O material elaborado polas asociacións A.V. A Laxe - Raxó, A.M.M. Airiños do Mar, A.M.M. en Igualdade de Poio, A.V. O Bao, A.M.M. Arela, A.V. Lourido, A.M.M Progresistas e A.M.M. Mulleres do Mar darán a coñecer os seus traballos, documentados pola fotógrafa Xela Ogando, nos vindeiros días. Os materiais en formato postal poderanse recoller nas dependencias municipais, nos locais da Rede de Espazos Municipais e serán distribuídos por todo Poio, como materiais de difusión para identificar os distintos tipos de violencias machistas, e ofrecerán a información do contacto e os servizos e recursos dispoñibles no CIM de Poio.

 

OBRADOIROS EDUCATIVOS

Co obxectivo de poñer en valor o dereito a ser diferente, fomentando espazo escolar como entorno inclusivo, sensibilizando a alumnado e profesorado sobre a LGTBIfobia e visibilizando e entendendo todos os tipos de diversidade, "Man a Man" propón tres actividades no eido educativo que terán lugar no IES de Poio.

Escape Feminista

Consiste nun gran xogo de escape con perspectiva de xénero no que o alumnado participante terá que ir superando probas e enigmas e abrindo candeados para poder atopar as chaves da igualdade. A misión será detectar cada unha das desigualdades de xénero e así poder conseguir as lentes violetas que están agochadas no noso interior.

Obradoiro de Diversidade Afectivo-Sexual: Coñecer, Respectar e Acompañar

Consiste nun proxecto de sensibilización e formación sobre a diversidade afectivo sexual e familiar, dada a importancia de visibilizar as distintas identidades, formas de ser e orientacións sexuais que tradicionalmente foron tachadas como minoritarias ou non normativas, para asegurar un nivel total de aceptación na nosa sociedade e no entorno escolar. Será impartido por persoal da Asociación de Familias Galegas Trans Arela.

Violencias no contorno dixital

Este obradoiro busca coñecer, identificar e previr as diferentes formas de violencia de xénero no contorno dixital. Incorporarase o coñecemento de conceptos, en particular orientados á prevención e ao fomento de percepcións e actitudes cara a violencia de xénero dixital, así como a coñecer procedementos que diminúan o seu impacto: violencia verbal (whatsapp, Instagram...), violencia de control sobre a parella, violencia sexual (acoso, abuso, sextorsión, sexpreading...), sexting, respecto da privacidade, aspectos legais, violencia de xénero, axuda ás vítimas.

 

25 NOV 12.00 HORAS | PARÓN INSTITUCIONAL

O 25 de novembro na Praza do Mosteiro, terá lugar o acto institucional coa lectura do Manifesto da Corporación Municipal contra a Violencia de Xénero e gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista. Paralelamente e tras o acto, poderase admirar os traballos de #PoesíaVisual na Mostra Colectiva #VIOLENCIASCOTIAS na propia Praza do Mosteiro co material elaborado polas asociacións de mulleres integrantes do Consello Municipal da Muller de Poio.

 

28 NOV 10:30 H | III ANDAINA PASO A PASO LIBRES DE VIOLENCIA DE XÉNERO

“Paso a Paso Libres de Violencia de Xénero” é unha actividade de sensibilización contra a violencia de xénero dirixido ao conxunto da cidadanía de Poio, que se formula como o acto de peche da campaña do 25N, e terá lugar o domingo 28 de novembro. A andaina terá como hora de encontro as 10.30 no Bosque das Mulleres en Lourido e a chegada está prevista arredor das 12.00 horas na praza da Chousa de Combarro, onde se realizará a lectura do manifesto en colaboración co Consello Municipal da Muller. A participación na andaina será con inscrición previa no enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. As primeiras 200 inscricións recibirán lotes de material de sensibilización da campaña (bolsas, chapas, pulseiras, postais)

Na Praza da Chousa exporanse as mostra de postais de #VIOLENCIASCOTIAS elaboradas polas asociacións de mulleres participantes nunha mostra expositiva simbólica, o visionado da peza audiovisual do proceso creativo colectivo e remataremos coa acción poético reivindicativa da artista “Lúa Mosquetera”.

Go to top