fbpx

O Casal de Ferreirós acollerá este martes o inicio da programación deseñado polo Concello de Poio, a través da Concellería de Igualdade e do Consello Municipal da Muller, co gallo do 8 de marzo. Unha proxección de curtametraxes será a actividade inicial, que se completará o venres cunha homenaxe a cinco veciñas do municipio, como recoñecemento á súa traxectoria vital e social, ademais de con outras iniciativas a desenvolver nos centros educativos, así como coa publicación dun libro con estas mulleres como protagonistas.

 

‘A ninguna parte’, ‘Escarnio e maldicir’, ‘El jefe’ e ‘Matria’ serán as obras que se exhiban. A organización agradece a colaboración da ACDeM Armadiña, que é a encargada de ceder estas pezas, presentadas en anteriores edicións do Festival de Curtas. Trátase de obras con temática vencellada ao 8M, como os roles femininos positivos, o empoderamento ou os valores que inciden na igualdade efectiva entre os xéneros. A sesión dará comezo ás 20.00 horas e a entrada será gratuíta. Á conclusión das proxeccións terá lugar un faladoiro sobre os contidos tratados nas curtas. Ademais, as pezas audiovisuais poranse a disposición da dirección do IES Poio para elaborar unidades didácticas sobre o 8M.

 

 

O Casal de Ferreirós tamén acollerá o venres, ás 20.00 horas, a homenaxe a María del Carmen Rodiño (San Salvador), Teresa de la Fuente (San Xoán), Divina Barreiro (Combarro), Genoveva Sanmartín (Samieira) e Manuela Gómez (Raxó). Durante o acto tamén se procederá a presentar a segunda edición do libro Mulleres de Poio, creado polo colectivo Polo Correo do Vento e que conta, un ano máis, con ilustracións de Tania Solla. A tirada contará con 1.000 exemplares. Ademais, ao longo do mes de marzo os cinco CEIPS de Poio acollerán sesións de contacontos ilustrados, nos que se dará a coñecer a vida das homenaxeadas.

 

 

Ademais, tamén con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a fachada do Consistorio permanece iluminado desde este martes con luces de cor morada.

 

Go to top