fbpx

Durante 2019 o labor do corpo de seguridade serviu para practicar seis detencións e investigar a seis veciños, como supostos autores de episodios violentos ou incumprimentos de ordes de afastamento.

O último detido protagonizou unha agresión contra a súa ex parella sentimental un día antes de que esta presentase a denuncia nas dependencias policiais.

Poio, 3 de marzo de 2020.- Dentro da súa folla de ruta na loita contra os delitos en clave machista, no que vai de ano a Policía Local de Poio xa investigou a dous veciños e detivo a un terceiro como supostos responsables de tres casos de violencia de xénero. Este último foi apresado hai unhas semanas, despois de protagonizar unha presunta agresión contra a súa ex parella sentimental. Un día despois destes feitos, volveu provocar unha forte discusión coa muller en plena vía pública, no Parque de Santa Rosalía, a poucos metros das dependencias do corpo de seguridade poiense. A orixe do conflito ten que ver coa custodia do fillo do agresor e da vítima, que foi a que advertiu ás autoridades do que estaba sucedendo.

Con respecto aos dous investigados, un deles protagonizou un altercado nun establecemento do núcleo de San Salvador. Testemuñas presenciais foron as encargadas de alertar aos axentes, que abriron dilixencias para aclarar un posible delito de ameazas e insultos. A terceira investigación tamén afecta a un veciño do municipio por unha discusión no ámbito doméstico. O máximo responsable da Policía Local, Antonio Duarte, fai fincapé na importancia de que as vítimas deste tipo de agresións machistas presenten denuncia, unha tendencia que, pouco a pouco, vai aumentando. Neste sentido, Duarte lembra que durante o 2019 foron seis os detidos por protagonizar actos de violencia de xénero, ademais de outros tantos investigados. Incumprimentos de ordes de afastamento, episodios violentos no ámbito familiar ou agresións foron algunhas das accións perpetradas polos sospeitosos.

Duarte lembra que a Policía Local garante “máxima intimidade e privacidade” ás vítimas á hora de tramitar as denuncias. Ademais, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, lembra que os integrantes do corpo de seguridade reciben “formación continua” para estar preparados para facer fronte a este tipo de casos. Por outra banda, os axentes dispoñen desde principios de 2020 dunha nova acta para documentar de xeito máis eficaz posibles casos de violencia machista ou doméstica. Trátase dun documento que se inclúe la plataforma Xespol, a través da cal a Policía Local xestiona, de xeito áxil e efectivo, as diferentes actuacións que desenvolven no seu día a día. A través desta acta, pódense obter rapidamente datos sobre a alerta en cuestión, así como das persoas presentes no lugar dos feitos, da propia vítima ou das medidas asistenciais e de protección que se poden outorgar. Grazas a este documento, queda rexistrada calquera tipo de incidencia, o que facilita e axiliza a actuación dos axentes mesmo antes de que se produza unha denuncia.

Esta ferramenta foi deseñada pola axente da Policía Local de Carballo Katerina Pena e Poio é un dos Concellos pioneiros á hora de darlle uso .

 

Go to top