fbpx

A obra, bautizada como ‘A aldea’, pasará a formar parte do inventario municipal e permanece xa exposta na entrada ao primeira andar da Casa Consistorial

Luciano Sobral agradece a doazón da familia de Cifuentes, cuxas raíces con Poio foron moi marcadas ata o seu falecemento no ano 2018

A Casa Consistorial conta desde o pasado mércores con parte do legado do pintor Arturo Cifuentes. O Concello de Poio recibiu de mans da familia do artista o cadro ‘A aldea’. Trátase dun lenzo que representa á perfección a esencia da obra de Cifuentes, na que a paisaxe foi sempre unha das grandes protagonistas. Neste caso, trátase dunha espectacular recreación do núcleo de Vilariño, na parroquia de San Xoán, donde o pintor pasou boa parte da súa vida e na que a súa familia aínda ten unha vivenda.

A viúva de Arturo Cifuentes (finado a finais de novembro de 2018, aos 84 anos), Carmen Díaz, acompañada polas súas tres fillas e fillo (Mercedes, Sara, Marta e Miguel Cifuentes) foi a encargada de asinar o documento, xunto co alcalde, Luciano Sobral, que acredita a cesión do cadro á Administración municipal. O lenzo permanece exposto nunha das paredes das escaleiras que conducen ao primeiro andar do Consistorio. O rexedor entende que este é un emprazamento “ideal”, posto que “ten moita visibilidade e poderá ser admirado pola veciñanza que ven diariamente ao Concello a realizar diferentes xestións”. Sobral agradeceu a implicación da familia de Cifuentes. “É un xesto de xenerosidade moi grande tanto co propio Concello como coa cidadanía. Agora, o cadro pasará a formar parte do inventario municipal e quedará aquí para a posteridade”, afirmou o alcalde de Poio, que na súa recepción á familia do artista estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.

Carmen Díaz, pola súa banda, lembrou o “gran vínculo” existente entre Arturo Cifuentes e a vila poiense. A finais dos anos 50, o seu traballo de funcionario levouno a afincarse en Pontevedra. Posteriormente, chegaría o momento de instalarse en Vilariño, nunha vivenda que a súa familia aínda utiliza habitualmente e da que se sinte “moi orgullosa”. Con respecto á ‘A aldea’, a viúva explicou que o cadro foi pintado no ano 1986. Ademais de recrear varias vivendas do núcleo, tamén se pode contemplar unha espectacular vista xeral de boa parte da parroquia de San Xoán, coa ría de Pontevedra ao fondo, na que sobresae a Illa de Tambo. Precisamente, unha das características máis aplaudidas das obras elaboradas por Cifuentes foi a súa capacidade para recrear con gran realismo as paisaxes ás que daba vida. Moitas das súas obras foron expostas non só en Galicia, senón tamén noutras cidades de España. Entre os recoñecementos obtidos pola súa obra, destacan o 1º accésit acadado na II Bienial de Arte de Pontevedra, en 1972, así como a medalla de bronce acadada nesta mesma cita na edición celebrada en 1977.

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top