fbpx

A actuación serviu para arranxar os danos causados polo desprendemento da cuberta. O orzamento ascendeu a máis de 43.000 euros, IVE incluído.

Sobral lembra que o servizo permaneceu operativo durante o tempo que duraron as obras, a través do aumento do sistema de bombeos, que garantiu o abastecemento para os veciños da contorna

Poio, 11 de marzo de 2020.- O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, pasou revista na mañá deste mércores ao depósito de abastecemento de Boavista. Trátase dunha infraestrutura que tivo que ser rehabilitada, despois de que en maio do ano pasado se viñese abaixo parte da cuberta das instalacións. O investimento realizado para reparar estas instalacións, que xa funcionan de novo a pleno rendemento, tivo unha base de licitación de 36.110 euros, ao que debe engadirse o correspondente IVE. En total, o desembolso ascendeu a 43.693,10 euros, tal e como detallou o rexedor.

Precisamente, a Xunta de Goberno Local abordou a principios de marzo a certificación destas obras, que se prolongaron durante varios meses, debido á súa complexidade. Ademais, foi necesario elaborar un estudo previo para determinar as causas do derrube. Tal e como consta no informe elaborado polo enxeñeiro municipal, a rotura produciuse “polo colapso do forxado dun dos dous vasos que compoñen o depósito regulador de abastecemento”. Os técnicos achacan este feito “ao paso do tempo e á acción das inclemencias meteorolóxicas”, sumado ao tipo de deseño realizado cando se construíu con “apoios en muros deficientes e composto por materiais cerámicos, sen recubrimentos axeitados”. Ante esta situación, os operarios inicialmente procederon a realizar o corte do forxado para separar a estrutura en cada vaso, facilitando así a demolición necesaria do forxado e posterior limpeza e permeabilización da parte do depósito que estivo fóra de funcionamiento. A continuación, efectuouse a mesma operación do segundo forxado.

Ademais, para poder substituír o tramo de entrada ao depósito das tubaxes de fibrocemento, foi preciso abrir unha gabia de 18 metros de lonxitude e 4 de profundidade, aproximadamente. Por último, executouse un zuncho perimetral de formigón e viga no muro central, para a unión e apoio das placas dos novos forxados prefrabricados, compostos por unha losa alveolar de 25+5 centímetros de grosor, anchura de 1,20 metros e lonxitude de 6,60. O apoio destas losas efectuouse sobre bandas de neopreno. A actuación completouse coa dotación de formación na capa de compresión.

Luciano Sobral e Gregorio Agís amosaron a súa satisfacción polo do desenvolvemento das obras e anunciaron que proximamente se realizarán tamén algunhas tarefas de mantemento na contorna do espazo onde se atopa a infraestrutura, así como o seu pintado. O alcalde, ademais, lembrou que, a pesar da complexidade da obra, os veciños “en todo momento contaron co servizo de abastecemento”. Neste sentido, Sobral explicou que “o que se fixo foi aumentar os bombeos desde a parte baixa da Caeira para garantir que os cidadáns continuasen contando con esta prestación”.

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top