fbpx

O novo decreto establece unha serie de medidas, consensuadas coa Mesa de Negociación, para os empregados municipais, entre as que se inclúen fórmulas como a redución da xornada para traballadores con menores ou familiares dependentes afectados polos peche de centros públicos ou de maiores.

Darase prioridade á atención telefónica e telemática e estableceranse quendas “imprescindibles” para garantir a atención presencial, se ben o Concello solicita á veciñanza que realice as súas xestións e consultas a través de vías non presenciais. Estas condutas de prevención baseánse nas directrices aprobadas o pasado 10 de marzo polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública

Poio, 12 de marzo de 2020.- O Concello de Poio aprobou a adopción dun cadro de medidas que segue as directrices marcadas polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública, impulsadas o 10 de marzo, para adoptar condutas preventivas que eviten, na medida do posible, a propagación do coronavirus, de xeito que se garanta un equilibrio axeitado entre a continuidade no funcionamento dos servizos municipais e a seguridade e saúde das empregadas e empregados públicos.

Así, algunhas das medidas a adoptar serán aos integrantes do plantel do Concello que teñan ao seu cargo menores ou persoas maiores dependentes e que se poidan ver afectados polo peche de centros educativos ou de maiores. Nestes casos, aplicarase unha flexibilización da xornada laboral. Ademais, no caso de que resulte imprescindible, permitirase a permanencia deste persoal no seu domicilio. Con respecto á atención ao público, darase prioridade á prestación do servizo por vía telemática e telefónica. Polo que respecta á atención persoal, estableceranse quendas imprescindibles para garantir o servizo.

No decreto no que se establecen estas medidas tamén se inclúe a necesidade de evitar, na medida do posible, as reunións de traballo, suspendéndose as que impliquen desprazamentos a outras localidades, fomentándose o uso da videoconferencia. Coa debida xustificación previa, tamén se permitirán modalidades non presenciais de traballo.

Con respecto á veciñanza, o Concello de Poio fai un chamamento á cidadanía para que trate de substituír a presenza física nas dependencias municipais polo uso de medios electrónicos e telefónicos á hora de realizar as súas xestións e consultas. Tamén se procedeu á suspensión de diferentes cursos e actividades formativas. Neste sentido, a Administración poiense confirmou o cese de diferentes iniciativas que se estaban a desenvolver nos locais e dependencias municipais. En principio, esta medida permanecerá vixente ata o 31 de marzo. Cómpre lembrar que este xoves xa se decretou tamén a suspensión do Concurso de Comparsas de Campelo, despois da reunión mantida coas asociacións que colaboran na súa organización, e o aprazamento das dúas próximas andainas o programa ‘8 fitos do Camiño’.

A adopción destas medidas realízase despois de que se mantivese durante a tarde do pasado xoves unha reunión coa Mesa Xeral de Negociación. Ademais, esta mañá convocouse unha Xunta de Voceiros para abordar este tema.

 

Go to top