fbpx

 

A través do perfil oficial de Facebook Poio Cultura os usuarios e usuarias teñen a opción de acceder a visitas interactivas por algúns dos museos máis famosos do mundo, consultar a gran biblioteca da UNESCO ou consumir material audiovisual e representacións teatrais vía ‘streaming’. A concelleira Raquel Rodríguez salienta que moitas das iniciativas están pensadas para participantes de diferentes idades e poden realizarse de xeito familiar

Realizar visitas virtuais, coñecer bibliotecas ‘on-line’ ou ter a posibilidade de gozar con espectáculos teatrais e proxeccións de filmes vía ‘streaming’ son algunhas das ofertas de lecer polas que aposta a Concellería de Cultura para tratar de que a veciñanza de Poio leve do mellor xeito posible estas xornadas de confinamento, decretadas a raíz da entrada en vigor do estado de alarma. A titular deste departamento, Raquel Rodríguez, salienta que “para nós é moi importante que os veciños e veciñas dispoñan de opcións para gozar dun tempo de lecer de calidade respectando as directrices do confinamento”.

Deste xeito, o novo perfil de Facebook Poio Cultura aposta por dar a coñecer iniciativas que están pensadas para participantes de diferentes idades. “Hai moitas actividades en Internet que se poden levar a cabo dun xeito familiar”, explica Rodríguez Alonso. Así, por exemplo, nas últimas datas a Concellería de Cultura compartiu a través das redes sociais unha serie de enlaces que permiten ao usuario participar en visitas interactivas en algúns dos museos máis prestixiosos do mundo. Este é o caso do Thyssen (Madrid), o Van Gogh (Holanda) ou o D’Orsay francés, en cuxas páxinas web se poñen a disposición dos internautas percorridos ‘on line’ por algunhas das súas exposicións máis importantes.

A Concellería de Cultura tamén recomenda a opción de Efilm (efilm.online) como fórmula axeitada para poder acceder a unha gran variedade de material audiovisual. O único requisito para ter a posibilidade de gozar de máis de 20.000 títulos de películas, curtametraxes ou series é ser socio da biblioteca. Ademais, a través do perfil de Facebook de Poio Cultura pódese acceder a enlaces para ver representacións teatrais en ‘streaming’. Unha fórmula axeitada para pasar o rato en familia é, asemade, a Biblioteca Dixital Mundial da Unesco. Neste espazo virtual, os usuarios teñen a opción de acceder e consultar material de todo tipo, desde mapas, textos e fotografías, pasando por gravacións e filmes de diferentes épocas. “Trátase de auténticas xoias culturais, a través das cales nenos e maiores poden familiarizarse coa historia da humanidade no seu tempo de lecer”, indica Raquel Rodríguez, que anima á veciñanza a utilizar este tipo de ferramentas interactivas e agradece “o seu esforzo e gran comportamento” desde que se decretara o estado de alarma hai xa dúas semanas. Ademais, a concelleira de Cultura avanza que nos vindeiros días se impulsarán “novas iniciativas” a través do perfil oficial de Facebook, que conta xa con máis de medio millar de seguidores.

O Concello de Poio aposta pola vía telemática para ofrecer á cidadanía diferentes actividades e iniciativas que van desde o contido cultural ata a participación en sesións que ata o de agora se realizaban de xeito presencial, pero que co peche das instalacións municipais para evitar a expansión do Covid-19 tiveron que cesar temporalmente. É o caso, por exemplo, dos exercicios de memoria e ximnasia que agora mantén a Concellería de Benestar Social, enviándoos por correo electrónico ou a través de contacto telefónico, para os 122 inscritos no programa Saudemente. Outro tanto sucede cos obradoiros de ioga e pilates impulsados pola Concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top