fbpx



A situación do sector do marisqueo, un dos principais motores económicos de numerosas familias de Poio, é motivo de preocupación para o Concello. Esta foi unha das cuestións das que se falou na xunta de voceiros realizada na mañá deste luns, na que o tripartito, formado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), PSdeG-PSOE e Avante, e o Partido Popular acordaron, de xeito unánime, remitir tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno de España un escrito no que solicitan que se impulsen diferentes medidas para axudar aos profesionais do marisqueo a pé e a flote e a súa paralización temporal.

A Corporación municipal é consciente de que este sector é un dos máis golpeados pola situación actual, xa que o nivel de vendas descendeu notablemente desde que se decretara o estado de alarma. A paralización de actividades como a hostalería están pasando moita factura ás confrarías, de aí que os grupos políticos acordasen elaborar un escrito instando tanto ao Executivo como á Administración autonómica a activar fórmulas que desafoguen a situación dos profesionais do sector marisqueiro, que tamén advirten das dificultades que, en moitas ocasións, teñen para dar debido cumprimento, a pesar dos seus esforzos, das normas e recomendacións establecidas para evitar os contaxios, como o mantemento dunha distancia mínima de seguridade, por exemplo. Cómpre lembrar que a actividade pesqueira está incluída no listado de traballos de carácter imprescindible que se permiten desenvolver despois da modificación do decreto do estado de alarma, que limita drasticamente as actividades profesionais que se permitirán ata o vindeiro 9 de abril, en pleno confinamento.

Por outra banda, o Concello continúa perfilando a suspensión do pago en periodo de voluntaria de varias taxas durante o actual estado de alarma, unha medida que se aplicará a impostos como o do IVTM de vehículos, a recollida de lixo, o abastecemento ou o saneamento (nestes casos, afectará ao segundo bimestre do ano, é dicir, o abono correspondente a marzo e abril). O implemento destas taxas determinarase unha vez que a Xunta de Galicia e o Executivo español determinen as liñas a seguir cando a situación volva á normalidade. Cómpre lembrar que, a maiores, o Goberno local tamén impulsará unha liña de axudas para as familias máis necesitadas, a través dun fondo de Emerxencia Social por valor de 12.000 euros, e procederá a devolución da parte proporcional das taxas correspondentes á ocupación de espazos públicos (que afectan fundamentalmente ao mercadillo de Baltar e ás terrazas de negocios hostaleiros), equivalente ao período no que non poden realizar esta actividade. O mesmo sucederá co aluguer de equipamentos municipais e taxas correspondentes a inscricións en diferentes actividades lúdicas, culturais e deportivas.


Ademais, os membros da Comisión de Seguimento do Covid-19 tamén mantiveron unha reunión de traballo na mañá deste luns, para dar conta das actuacións que se están levando a cabo nos diferentes departamentos na loita contra a expansión do virus.

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top