fbpx

A Policía Local constata o bo comportamento da cidadanía á hora de dar cumprimento ao confinamento. O porcentaxe de sancións con respecto ao total da poboación apenas supera o 0,5%. O teléfono habilitado polo corpo de seguridade para dar resposta a dúbidas vencelladas ao estado de alarma recibiu máis de 1.000 chamadas desde a súa posta en funcionamento.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, compareceu na mañá deste mércores, acompañado pola concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e polo xefe da Policía Local, Antonio Duarte, para dar conta das actuacións que se levan desenvolvendo na vila desde o inicio do actual estado de alarma para garantir a seguridade da veciñanza, así como o mantemento en funcionamento dos servizos básicos, entre outros aspectos.

Nunha comparecencia realizada vía telemática, o rexedor poiense destacou que as liñas de actuación do Concello van encamiñadas “a paliar, na medida do posible, as consecuencias desta situación”. Sobral enviou unha mensaxe de ánimo aos cidadáns, aos que lle fai saber que “non están sós” e volveu a felicitar aos veciños e veciñas “polo comportamento modélico que están tendo á hora de afrontar este confinamento”. O alcalde trasladou toda a “forza, apoio e agarimo da nosa institución” a aquelas persoas que habitan en Poio e que se atopan actualmente infectadas polo Covid-19 ou en cuarentena. “Estamos pendentes das necesidades da nosa veciñanza, pero especialmente destas persoas, coas cales mantiven conversacións telefónicas e se atopan ben, dentro do que cabe”, sinalou.

En canto ás actuacións en materia de seguridade, Antonio Duarte sinalou que no que vai desde que se decretara o estado de alarma tramitáronse 110 denuncias por incumprimento do mesmo, o que se traduce en menos do 0,6% da poboación e reflicte o cumprimento das directrices marcadas polo Estado español por parte dos habitantes do municipio. Cinco persoas foron reincidentes, se ben, de momento, non se realizaron detencións. Ademais, desenvolvéronse 70 controis de tráfico, nos que se pasaron revista a 3.500 vehículos, con 70 condutores identificados. O xefe da Policía Local fixo un chamamento á cidadanía para que “quede na casa” e agradeceu a colaboración da xente. “En moitas ocasión son os propios veciños os que se poñen en contacto con nós amosando a súa preocupación por algún coñecido ou residente do que non teñen noticias ou para dar traslado de persoas que poderían ter síntomas da enfermidade. A súa axuda valorámola moito”, enfatizou. Desde a semana pasada a Policía Local conta cun número de teléfono específico para responder exclusivamente a cuestións relacionadas co estado de alarma. De momento, xa se recibiron máis de 1.000 chamadas, a maioría das cales foron consultas relacionadas sobre que tipo de desprazamentos están permitidos á hora de ir a traballar. Sobre este particular, Duarte incidiu na importancia de que os condutores que deban saír á estrada dispoñan en todo momento do certificado pertinente, xa que “iso axiliza moito os controis e facilita o noso traballo”.

Pola súa banda, Marga Caldas tamén se referiu a outras actuacións levadas a cabo desde o pasado 13 de marzo, momento no que a Xunta de Galicia activou a emerxencia sanitaria. “Iso permitiunos actuar rápido á hora de pechar espazos públicos como praias ou parques”, sinalou. A concelleira de Seguridade Cidadá destacou o “labor exhaustivo” que está a desenvolver a Comisión de Emerxencias, en estreita colaboración cos diferentes departamentos municipais. Esta coordinación entre áreas como Servizos  Municipais ou Servizos Sociais permite efectuar diariamente tarefas de limpeza e desinfección en diferentes puntos do municipio (facendo especial fincapé nos Centros de Saúde e as inmediacións de farmacias ou tendas de alimentación, entre outros). Ademais, a Policía Local e Protección Civil colaboran con Servizos Sociais á hora de auxiliar a persoas que se atopan nunha situación de extrema necesidade. Este é o caso, por exemplo, dos seis domicilios nos que habitan persoas infectadas, ás que se lles vai recoller puntualmente o lixo.

Ademais, a Policía Local procedeu durante os últimos días ao reparto de mascarillas e diverso material entre o pequeno comercio local. Caldas tamén confirmou que o persoal municipal tamén dispón de material “todo o persoal municipal que así o precisa”, como son os propios axentes policiais ou as traballadoras do SAF, entre outros. Por último, tanto Luciano Sobral coma Marga Caldas destacaron o labor realizado por Protección Civil. “O seu traballo quizais non está valorado como merece, cando hai que telo moi presente, porque resulta vital e, ademais, trátase dunha actividade altruísta”, indicou o alcalde. Pola súa banda, a concelleira de Seguridade Cidadá expresou a súa satisfacción pola boa acollida da Bolsa de Voluntariado, que, precisamente, coordina Protección Civil. “De momento aínda non está activa, botaremos man dela cando precisemos a voluntarios para que, de xeito seguro, desde os seus domicilios, precisemos realizar un seguimento daquelas veciñas e veciños que precisen dalgún tipo de axuda”.

Sobral finalizou a súa intervención salientando tamén “o enorme esforzo” do persoal municipal. “Non hai palabras suficientes para agradecerlle o seu compromiso e profesionalidade, que permiten que o Concello poida continuar prestando servizos con normalidade, a pesar das dificultades que presenta a situación actual”.

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top