fbpx

Apenas unhas semanas despois de abrirse o prazo de inscrición, a bolsa de voluntariado xestionada por Protección Civil conta xa con máis de 30 aspirantes. A Comisión de Emerxencias do Covid-19 agradece a implicación da cidadanía á hora de amosar o seu interese en prestar a súa colaboración.

Neste sentido, cómpre sinalar que, de momento, a bolsa non está activa. Botarase man da mesma en caso de que sexa necesario levar a cabo labores como o seguimento, vía telefónica, da situación na que se atopan os veciños e veciñas que máis están a padecer este confinamento, ben sexan persoas en cuarentena ou cidadáns dependentes que precisen dalgún tipo de axuda e que non dispoñan de familiares ou achegados aos que acudir. “A colaboración que poden prestar estes voluntarios desde os seus propios domicilios é moi importante”, sinala o Goberno local.

O alcalde, Luciano Sobral, manifesta o seu “máximo agradecemento” ás persoas inscritas nesta bolsa, así como o labor “absolutamente imprescindible” que están a desenvolver os máis de 20 integrantes cos que conta actualmente operativos a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio. “O seu esforzo debe ser posto en valor, porque desenvolven un traballo vital de xeito totalmente altruísta”, asevera o rexedor. Actualmente, Protección Civil colabora en diferentes operativos, en coordinación coa Policía Local e con outros departamentos municipais como Servizos Sociais, como poden ser roldas de vixía, tarefas de limpeza e desinfección ou entrega de alimentos a domicilio en casos de extrema necesidade.

Para poder desenvolver estes traballos, os seus integrantes contan co pertinente material de protección, que inclúe luvas e mascarillas. Trátase de unidades que foron adquiridas polo Concello ou doadas por empresas e particulares. Ademais, os seus vehículos son desinfectados periodicamente mediante o uso dunha máquina de ozono, doada gratuitamente pola empresa local Automociones Catoira.

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top