fbpx

O Concello de Poio traballa na elaboración dunha instrución que sirva para regular a ampliación da ocupación do espazo público das terrazas dos establecementos da hostalería, unha medida adiantada xa hai uns días e que busca axudar ao sector na súa reactivación desde o punto de vista económico, logo da crise derivada da expansión do virus Covid-19.

Este foi un dos temas tratados na Xunta de Voceiros celebrada na mañá deste xoves, 7 de maio. O Goberno municipal entende que o documento debe ser consensuado entre todos os grupos da Corporación. Ademais, tamén se dará traslado aos profesionais deste sector do documento, de xeito que poidan realizar as súas apreciacións e propostas. O Concello entende que esta medida, que terá un carácter excepcional e temporal, é necesaria para poder axudar a que a hostalería poida poñerse en marcha unha vez entremos na fase 1 do proceso de desescalada. É a partir de entón cando se permitirá que os establecementos que dispoñan de terrazas poidan utilizar un 50% do aforo das mesmas (o Executivo ampliou a porcentaxe, logo de deixala nun 30% inicialmente). Deste xeito, ampliando os espazos, terían a capacidade suficiente para acoller a máis clientes respectando en todo momento as directrices marcadas polo Goberno español.

Esta ampliación permanecerá vixente mentres se manteña o actual estado de alarma e vaia completándose a desescalada. Ademais, o aumento do número de terrazas non suporá custes a maiores para os responsables dos negocios. O documento tamén busca garantir poder levar a cabo esta medida garantindo de xeito rigoroso os espazos necesarios para o tránsito peonil. O alcalde, Luciano Sobral, sinala a necesidade de contar con esta instrución, xa que “debe servir para lograr reiniciar, de xeito progresivo, a actividade económica dun sector que un dos principais motores de dinamización do noso municipio”.

Esta medida súmase a outras xa acordadas, como a devolución da parte proporcional da taxa correspondente á ocupación de espazos públicos a todos os establecementos que dispoñen deste servizo e que permanecen pechados desde que se decretou o estado de alarma a mediados do pasado mes de marzo. Esta fórmula tamén se aplica aos profesionais que participan no mecardillo de Combarro.

 

Go to top