fbpx

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, mantivo un encontro con representantes dunha ducia de colectivos, artistas e agrupacións locais durante a tarde do pasado martes. Tratouse dunha reunión, celebrada no salón de Plenos e respectando todas as medidas de seguridade e distanciamento esixidas por mor da crise sanitaria da Covid-19, que foi convocada, entre outras razóns, para falar das actuacións que se pretenden impulsar nun futuro próximo para dinamizar o sector e dar un novo pulo á actividade económica no municipio.

Entre outras cuestións abordadas, a edil do grupo de Goberno explicou que a intención do Concello pasa por impulsar diferentes plans, destinados a dar visibilidade ao sector cultural e artístico local, de xeito que “poidamos darlles un pulo á hora de reiniciar a súa actividade despois do estado de alarma”. Falouse tamén de fórmulas para dinamizar a oferta lúdica e cultural en todas as parroquias do municipio. Trataríanse de actuacións adaptadas á nova realidade, para grupos reducidos e con aforo limitado. “Queremos que a programación chegue a todas as parroquias, porque así facilitamos á veciñanza poder gozar delas sen necesidade de que se teñan que desprazar”, indica a responsable de Cultura, que, ao igual que se está a facer co deseño da programación das Festas de San Xoán, quere que o verán tamén sirva para dar protagonismo e impulsar a actividade dos colectivos culturais e artísticos locais.

Rodríguez Alonso amosouse satisfeita coa resposta do tecido asociativo á hora de achegar propostas e tamén destacou a súa “fortaleza e enteireza” á hora de facer fronte ao estado de alarma. “Foron moitas as iniciativas, actividades e actuacións que tiveron que deixar de celebrarse por mor do confinamento. Por iso, desde o Concello de Poio queremos estar ao tanto da situación das agrupacións e desexamos contar con elas para fomentar iniciativas que sirvan para impulsar de novo a oferta lúdica no municipio e reactivar a dinamización económica e social”, conclúe Raquel Rodríguez, que tamén informou aos representantes das asociacións das pautas e directrices polas que se rexerá a denominada “nova normalidade”. Neste sentido, a concelleira de Cultura salienta que “estamos dispostos ofrecer guías de actuación á hora de organizar actividades e a colaborar en todo o que poidamos”.

 

Go to top