fbpx

O Festival Chalaniñas, unha das actividades estrela do Reinicia o Verán Poio, finalizou o pasado mércores completando tres xornadas que foron todo un éxito en canto a participación. Arredor de 300 persoas gozaron durante tres días os espectáculos de malabares, equilibrios e humor protagonizados por Peter Punk Paiaso, Xampatito Pato e Kanbahiota: La Coquette. A cita desenvolveuse en Lourido, o luns en Costa Xiráldez, o martes en Cabeceira e o mércores na praia de Lourido. O aforo limitado establecido pola organización, no marco das medidas de seguridade, distanciamento e de hixiene para loitar contra a Covid-19, practicamente se encheu nas tres xornadas, tal e como salientou o concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez.

Esta iniciativa foi pensada para o goce das crianzas e para poder ofrecer tanto á veciñanza como aos visitantes que pasan as súas vacacións en Poio dunha serie de espectáculos dos que poder gozar en familia, seguindo así a filosofía coa que os departamentos de Festexos e Cultura impulsaron este programa, que ata o vindeiro 20 de setembro levará a todas as parroquias do municipio un gran número de actividades de lecer, entre as que non faltarán a música, o humor, a maxia e moitas outras sorpresas.

Con respecto ao que queda de semana, na  tarde deste xoves a Finca de Besada acollerá, a partires das 22.00 horas, un concerto a cargo do grupo Cachas and Cousis. O venres será a quenda de COU, que ofrecerá un espectáculo ‘clown’ para as crianzas no adro da igrexa de San Salvador (20.30 horas). Precisamente, este será o escenario, xa o sábado 8 de agosto, dunha actuación a cargo da Banda Unión Musical de Meaño, a prestixiosa BUMM, gañadora de numerosos certames. O concerto comezará ás 13.00 horas.

Por último, o domingo haberá dobre ración de iniciativas. Pola mañá, ás 12.30 horas, a Batucada Queimatasa amenizará o núcleo da parroquia de Raxó cun pasarrúas. Pola noite, ás 22.00 horas, será a quenda dunha nova sesión de cine ao aire libre na Reiboa. Alí se proxectará o filme O que arde, dirixido por Oliver Laxe e que en 2019 recibiu varios galardóns internacionais, entre os que destacan dous premios Goya (mellor fotografía e actriz revelación) e o Premio do Xurado no Festival de Cannes.

 

Go to top