fbpx



Preto de 1.800 persoas asistiron, durante os meses de xullo e agosto, ás actividades programas a través de Reinicia o Verán Poio, unha iniciativa impulsada desde a Concellería de Festexos, en colaboración co departamento de Cultura, e que a partir deste xoves entra no seu tramo final coa estrea da programación correspondente ao mes de setembro.

O cálculo de asistentes realízase grazas aos controis de aforo que se levaron a cabo durante o desenvolvemento de cada unha das máis de 30 citas que tiveron lugar entre o 17 de xullo e o 30 de agosto. Esta é tan só unha das medidas que se están realizando en materia de hixiene, distanciamento e seguridade, para dar cumprimento aos requirimentos das autoridades sanitarias por mor da Covid-19. Reinicia o Verán é unha fórmula que o Goberno local puxo en marcha para ofrecer tanto á veciñanza como á xente que goza das súas vacacións en Poio un tempo de lecer seguro e de calidade, con iniciativas variadas e pensadas para xente de todas as idades, despois de que se decidise cancelar as festas e eventos masivos habituais desta época do ano, como a Festa do Mar, a Festa da Ameixa ou diferentes celebracións patronais.

Tal e como explica o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, entre as citas que contaron cunha maior afluencia de público figura o concerto ofrecido por Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, o 18 de xullo na Finca de Ankar, ante preto de 400 espectadores. Previamente, o gaiteiro poiense Óscar Ibáñez abrira a programación, o 17, no mesmo lugar, perante uns 200 asistentes. Habilitáronse cadeiras para todos e todas, coa separación necesaria, algo que se foi repetindo coa celebración de diferentes espectáculos e concertos.

Martínez salienta, ademais, a boa acollida que tiveron iniciativas inéditas como a cata de viño, con concerto de FAIA incluído, no Mosteiro de San Xoán o pasado 13 de agosto, para a cal se esgotaron as 50 prazas ofertadas en menos de dous días. A programación está tendo moi en conta tamén ás crianzas, con eventos como o Festival Infantil Chalaniña, que se desenvolveu a principios de agosto en Lourido, con tres pases distintos, e que congregou a unhas 300 persoas aproximadamente. No apartado musical, tamén hai que salientar a gran acollida que tiveron grupos como De Vacas, Cachas and Cousins ou o quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra. En canto ás proxeccións de cine na rúa, O que arde congregou na Reiboa a máis de 120 espectadores o pasado 9 de agosto. Unha semana antes acadárase unha cifra similar coa película de animación Hotel Transilvania 3.

As Refeigas Lupe Blanco e Alba María reinician o programa este xoves, ás 21.30 horas, no peirao de Raxó. O venres, a Praza Alfredo Romay de Samieira acollerá o espectáculo As nosas músicas de aquí, a cargo de Nelson Quinteiro Producións. A Banda da Loba actuará, sábado  na Reiboa  ás 21.30 horas. As iniciativas prolongaranse ata o vindeiro 20 de setembro, onde a orquestra La Oca porá o punto e final ao programa na Praza da Granxa de Campelo.

 

Go to top