fbpx


As Escolas Deportivas de Poio xa están en marcha. Desde hoxe, e durante os vindeiros días desta semana, son varias as disciplinas ofertadas que xa comezan os seus adestramentos, cumprindo en todo momento coas medidas de seguridade, hixiénicas e de distanciamento decretadas polas autoridades sanitarias por mor da pandemia da Covid-19.

Na última reunión mantida pola titular do departamento, Marga Caldas, con representantes dos clubs locais tamén se acordou fixar para o vindeiro luns, 9 de novembro, o inicio dos adestramento en balonmán, fútbol sala e fútbol. “Tomamos esta decisión para dar algo máis de marxe á hora de organizar ben os grupos de adestramentos”, explica a concelleira do Goberno municipal, que volveu a incidir na necesidade de ofrecer ás crianzas e á mocidade de Poio a posibilidade de practicar deporte e achegarlle ferramentas para levar unha vida sa, “algo máis necesaria ca nunca no contexto no que nos atopamos agora”. Polo de agora, os deportes de contacto levaranse a cabo a través de sesións nas que non exista contacto físico e será obrigatorio o uso de máscaras, tal e como puntualizou a concelleira nacionalista.

Na reunión telemática tamén se decidiu que o triatlón non comece ata xaneiro de 2021. Por outra banda, Caldas Moreira sinalou que, se ben se notou un descenso no número de inscritos con respecto a temporadas anteriores, “algo co que xa contabamos debido ao contexto derivado da pandemia, non é menos certo que segue habendo un gran interese por parte das familias á hora de apostar polo deporte de base como fórmula de lecer para os seus fillos e fillas”. Ademais, a concelleira de Deportes salienta o incremento de fichas que experimentan varias disciplinas, como é o caso de ciclismo ou kayak-polo. En total, aproximadamente as Escolas Deportivas contarán nesta temporada 2020-2021 cuns 350 integrantes aproximadamente.

Marga Caldas lembra que as restricións actuais non impiden a práctica de deporte federado, polo que as sesións de adestramento pódense levar a cabo, cumprindo sempre cos requisitos que establecen os protocolos de cada disciplina. Ademais, o Concello tamén engade outras medidas a maiores como, por exemplo, o límite de aforo. O comezo das sesións, que polo de agora serán individuais e sen contacto físico, faise de xeito progresivo, sendo os xuvenís os primeiros en estrearse. Pouco a pouco, iranse sumando os grupos de menos idade. A Concellería de Deportes, ademais, estará moi pendente da evolución da pandemia e xa baralla diferentes escenarios de cara ao futuro, sobre todo en caso de que a situación non mellore. “Se, por desgraza, nos vemos na obriga de paralizar a actividade, temos deseñado un plan alternativo. Así, por exemplo, apostaremos por alongar a temporada máis alá das datas habituais”, pon como exemplo. Neste sentido, non hai que esquecer que o Concello xa aplicou medidas de compensación para os afectados e afectadas polo anterior confinamento, aos cales se lles aplicaron descontos proporcionais ao tempo que permaneceu paralizada a anterior temporada.

Por último, Marga Caldas quixo transmitir o seu agradecemento aos clubs polo “enorme esforzo” que están a realizar neste contexto tan difícil. “Se o deporte é un referente en Poio tamén é grazas á súa implicación e traballo”, incidiu a concelleira do BNG, que salienta tamén a coordinación existente en todo momento entre estas entidades e o Concello.

 

Go to top