fbpx

O Pleno ordinario de xaneiro abordará, o vindeiro día 26, unha moción que será presentada de forma conxunta por todos os grupos da Corporación, a través da cal se instará á Xunta de Galicia a que adopte medidas inmediatas para mellorar os servizo sanitario en Poio. Este foi o acordo acadado esta mañá polos integrantes da Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio. Deste xeito, este órgano municipal dá resposta á petición feita pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que foi a encargada de dar traslado desta petición.

O documento inclúe varias esixencias a realizar á Consellería de Sanidade. Entre elas, a dotación dun protocolo anticovid-19 “que estableza circuítos seguros de mobilidade no interior das dependencias e nas salas de agarda”, de xeito que se cumpran coas normas sanitarias se garanta “a seguridade de pacientes e profesionais”. Ademais, tamén se lle requirirá á Administración autonómica que recupere “de inmediato” as consultas presenciais, reducindo a súa demora a 24 ou 48 horas como máximo. Apóstase por “limitar as consultas telefónicas a unha actividade asistencial complementaria que non discrimine ás persoas maiores con dificultades para manexar as novas tecnoloxías”, reza o escrito.

Outra petición ten que ver coa implantación de medidas organizativas que poñan fin a “situacións deplorables”, como as colas que se producen na rúa, nas inmediacións dos centros. Ademais, a Mesa entende que Sanidade debe por fin á “precariedade laboral do persoal”, a través da aplicación dun plan de mellora da Atención Primaria, de xeito que se lle poida dar cobertura á poboación. Neste sentido, o Concello lembra que en Poio a falta de persoal é un problema crónico, que está a provocar listas de agarda de varias semanas e unha saturación insostible entre os docentes, ao non cubrirse baixas e vacantes.

Por outra banda, a Mesa  da Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio tratou hoxe outras cuestións, como o compromiso de prestar colaboración, por parte do Concello, cos responsables dos centros de saúde á hora de organizar as futuras campañas de vacinación contra a COVID-19, dentro das posibilidades da Administración municipal. Outro punto no que se amosaron de acordo os representantes dos catro grupos da Corporación foi en elixir interlocutores para manter futuros encontros cos colectivos locais para coñecer as súas inquedanzas en cuestións sanitarias, en canto a situación sanitaria o permita. A responsable de Participación Veciñal e voceira de Avante, Silvia Díaz, engadiu, ademais, a importancia de reunir información do persoal da Atención Primaria de Poio, máis alá da COVID-19, sobre “as necesidades que existen nos centros de saúde, establecendo canles de comunicación directa con eles”.

 

Go to top