fbpx

No ano 1992 conmemorouse o V Centenario da Viaxe de Colón a América, ese foi o argumento de peso para que a OIE (Oficina Internacional de Exposicións), escollese no ano 1983, a candidatura de Sevilla e de Chicago como sedes para a celebración da Exposición Universal de 1992. Ao final por problemas organizativos internos, soamente tivo lugar a exposición de Sevilla, coñecida como EXPO 92.

Nos anos previos ao 1992, con motivo do V Centenario do Descubrimento de América, España e os Estados Unidos fecharon un calendario de actos festivos. Un deles sería unha iniciativa ofrecida polos estadounidenses que consistía en plantar 500 sequoias (vermellas Sempervirens), da zona de California, nunha zona idónea de España.

Para iso, unha delegación de expertos americanos do Sequoia National Park de Visalia (California), desprazouse a diversos puntos da xeografía española, realizando inspeccións visuais e de análise de terras. Entre os puntos a visitar estaba Poio, concretamente o Monte do Castro, situado nunha das ladeiras do Monte Castrove. Meses despois, esta delegación propuxo que o lugar máis idóneo de todos cantos visitaran e analizaran era o Monte do Castro no noso municipio.