fbpx

A Casa Museo de Colón, coñecida tamén como a “Casa da Cruz”, atópase no lugar de Portosanto situado na parroquia de San Salvador de Poio. O museo, que foi inaugurado o 23 de novembro de 2010, é obra do arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro que deseñou un complexo museístico de tres edificacións consistentes en dúas vivendas preexistentes e rehabilitadas e un edificio de tres andares que combina cristal e aceiro cunha superficie útil de 147,86 m2.

Na actualidade, a Casa Museo del Colón acolle unha exposición permanente que amosa un percorrido pola teoría do Colón galego, dende que xurdiu a finais do século XIX ata os nosos días. Como peza máis destacada, a Casa Museo de Colón, exhibe unha réplica a tamaño natural da carta náutica debuxada polo navegante Juan de La Cosa no ano 1500. O museo posúe ademais diversos materiais audiovisuais entre os que destacan o documental “Pontevedra, berce de Colón”, realizado polo cineasta Enrique Barreiro nos anos vinte do pasado século. Así mesmo, é salientable a ampla colección de libros e artigos de diferentes épocas relacionados coa figura de Colón.

A Casa Museo de Colón consta de tres espazos diferenciados:

  • A Casa da Cruz. Pequena casa de pedra rehabilitada e restaurada polo Concello de Poio, que posúe no seu exterior a cruz que lle dá nome. No seu interior alberga unha exposición permanente de debuxos cedidos polo arquitecto Enrique Barreiro.

  • A biblioteca. Pequena casa de pedra rehabilitada e restaurada polo Concello de Poio que actualmente acolle a biblioteca do museo e parte dos fondos museísticos.

  • O edificio principal. Distribuído en recepción e dous andares que conteñen a exposición permanente adicada á figura de Colón, así como vitrinas con exemplares de obras sobre o navegante, a réplica da nao Santa María ou o facsímile da Carta Náutica de Juan de la Cosa entre outros elementos expositivos. O edificio principal posúe ademais un espazo destinado á proxección de audiovisuais (con DVD, proxector e zona de descanso).

 

 

Go to top