fbpx

 

Declarado Monumento Histórico-Artístico en 1971, o Mosteiro de San Xoán de Poio é un dos máximos expoñentes da arquitectura da comarca. Se ben a súa data de fundación é difícil de precisar, a súa orixe atribúese a San Frutuoso de Braga no s. VII. Desde o s. X rexístranse numerosos privilexios reais e nobiliarios que contribuíron ao esplendor do convento, no que se chegou a estabelecer, en 1548, un recoñecido Colexio Maior de Teoloxía no que impartiu as súas ensinanzas o P. Feijóo. 

Os monxes beneditinos ocuparon o mosteiro até 1835, ano no que o abandonan e non é até 1890, cando os monxes mercedarios que estaban nun convento en Conxo se instalan definitivamente no Mosteiro de Poio e o restauran.

Durante o Renacemento e o Barroco, as cuantiosas rendas que o mosteiro recibía, procedentes da explotación agraria e mariña, permitiron ir substituíndo as vellas edificacións medievais por outras novas e monumentais, levadas a cabo por importantes mestres da época como Ruíz de Pámanes, Mateo López, frei Gabriel de Casas, Pedro de Monteagudo. Desta etapa destacan ademais aspectos culturais como a Schola Cantorum e a célebre Salve de Poio, se ben a maior riqueza doada polo mosteiro é a súa inmensa biblioteca, que recolle máis de 100.000 volumes.