fbpx

Un dos colectivos máis afectados polo impacto da pandemia da COVID-19 está sendo a rapazada. O confinamento e as posteriores restricións afectaron, como non podería ser doutro xeito, a alumnos e alumnas de todas as idades. É por iso polo que o programa Educándonos, impulsado pola Concellería de Educación e xa plenamente consolidado desde hai ano, tívose que adaptar a este difícil contexto ao longo dos últimos meses.

Unha das últimas iniciativas impulsadas a través deste programa é un proxecto piloto telemático, ideado por Raquel Pedrouso. Trátase dunha guía interactiva a través da cal se ofrece aos centros educativos unha ferramenta dixital, que contén diferentes exercicios e propostas para estimular a intelixencia emocional das crianzas. A súa responsable explica que estes exercicios “poden servir para identificar diferentes sensacións e emocións, como o medo ou a gratitude, á vez que se busca potenciar a expresión emocional dos nenos e nenas”. Esta nova proposta foi presentada a pasada semana a responsables de diferentes centros escolares de Poio, a través dunha reunión telemática na que tamén estivo presente a titular de Educación, Raquel Rodríguez, que destaca que “a primeira impresión resultou moi positiva”. Esta guía interactiva porase a disposición dos colexios  e está pensada para rapazas e rapaces de Primaria. “Os exercicios adáptanse en función da idade do alumnado. Por exemplo, os máis pequenos e pequenas poderán traballar estas expresións mediante a realización de debuxos e tamén estamos pensando en incluír xogos sobre as propias emocións”, avanza Raquel Pedrouso.

Pola súa banda, a concelleira de Educación incide na importancia de seguir avanzando na posta en marcha deste tipo de proxectos, pensados para axudar ao tecido escolar a afrontar esta situación tan complicada por mor da pandemia. Cómpre lembrar que a principios deste curso se puxo en marcha tamén o proxecto ‘Tan Preto’, que inclúe material audiovisual e un libro en cuxa elaboración participou a escritora de Combarro Tamara Andrés, a través do cal os nenos e nenas poden expresar as súas experiencias vividas durante o confinamento.

Ademais, no IES leváronse a cabo talleres afectivos vencellados tamén ao contexto COVID-19 para o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.