fbpx

A tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, Chelo Besada, e o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, supervisaron esta semana o avance dos traballos que se están a acometer no núcleo da Caeira, na parroquia de San Salvador, para habilitar un novo vial, que servirá para enlazar as rúas Río Sil e Umia.

A actuación deu comezo a principios deste ano e transcorre segundo o previsto, a pesar das inclemencias meteorolóxicas que se veñen rexistrando desde mediados de xaneiro. Os dous edís do PSdeG-PSOE lembraron que esta actuación fora adxudicada inicialmente á empresa Nexia Infraestructuras, no ano 2019. Sen embargo, o cese de actividade repentino desta entidade, a principios de 2020, impediu que se puidesen levar a cabo boa parte dos traballos contratados. Ante esta situación, o Concello non tivo máis remedio que reiniciar o proceso de licitación e sacar de novo o proxecto a concurso.

Agora, é a firma EC Casas a que se está a encargar destas obras. O orzamento total ascende a máis de 72.000 euros, IVE engadido. Tanto Chelo Besada como Gregorio Agís amosaron a súa confianza en que a nova rúa poida estar operativa para a veciñanza da Caeira antes deste mesmo verán, toda vez que o prazo de execución é de catro meses. Esta conexión entre Río Sil e Umia será de sentido único e contará cunha extensión que superará os 100 metros. O proxecto inclúe habilitar varias prazas de aparcamento en liña, así como beirarrúas, para garantir a seguridade peonil. Ademais, os operarios traballan na dotación de diferentes servizos soterrados, entre os que se engaden as redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións. Finalmente, dotarase á rúa do correspondente firme e se habilitarán luminarias. As beirarrúas terán un ancho de 2,5 metros, segundo detallaron os concelleiros de Obras e de Urbanismo.

Cómpre lembrar que a firma do novo contrato con EC Casas realizouse a finais do ano pasado. Deste xeito, o Concello vai reactivando todas as actuacións que Nexia deixou pendentes de acometer en Poio. Agora, a Administración municipal xa traballa nos procesos para licitar os proxectos de mellora do núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán, e en Lameiriña, en Raxó. En ambos casos, ademais de completar as obras pendentes tamén se engaden melloras a maiores.