fbpx

A Sede Electrónica do Concello de Poio vén de facer públicas as bases, xerais e específicas, polas que se rexerá o proceso de contratación de persoal laboral municipal, a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Isto permitirá o reforzo en varios departamentos durante meses, tal e como lembra o responsable de Persoal, Xosé Luís Martínez. O investimento solicitado á institución provincial para poder levar a cabo esta actuación supera os 235.000 euros. As contratacións realízanse directamente a través do Servizo Público de Emprego.

Tal e como consta nas bases, que poden ser consultadas pola cidadanía na propia Sede Electrónica, lémbrase os requisitos que deben cumprir as persoas interesadas a optar a estas 28 prazas. Entre os mesmos, figuran cuestións como a necesidade de contar coa titulación correspondente para cada posto ou que os e as aspirantes sexan persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Precisamente, abrirase un prazo de dous días hábiles para que as persoas sexan convocadas a través deste departamento. Posteriormente, abriranse os pertinentes prazos dos procesos selectivos.

Estas bases foron aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado 26 de febreiro. As primeiras contratacións faranse efectivas xa a finais do vindeiro mes de marzo. A duración destes 28 contratos oscila entre os tres e os oito meses, sinala o concelleiro de Persoal.

O Concello contempla a incorporación de 15 persoas para tarefas vencelladas á revalorización de espazos públicos urbanos e de protección medioambiental. Dez pasarían a ser operarios na área de Obras e Servizos, aos que hai que sumar tres condutores e dous electricistas. Servizos Sociais, pola súa banda, contará con dous auxiliares de clínica, un posto de técnico de Mocidade e un traballador ou traballadora social, para garantir a realización de actividades e iniciativas que se levan a cabo na Casa Rosada. En Turismo, haberá dúas incorporacións de Ciclo Superior, para reforzar un área que cobra especial protagonismo durante a temporada estival, ao ser Poio un destino de referencia a nivel nacional.

Por último, as bases inclúen a contratación temporal de catro conserxes e tres persoas para labores de limpeza en dependencias municipais, como son a Casa Consistorial, o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó ou a Casa Museo de Colón.