fbpx

Un ano máis, o Concello de Poio, a través da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal, impulsan a celebración do Día de Rosalía, que será o vindeiro mércores, 24 de febreiro, unha xornada coa que se pretende reivindicar e achegar á veciñanza a figura dunha das nais das letras galegas. Nesta ocasión, por mor da pandemia da COVID-19, as actividades on line cobrarán especial protagonismo, tal e como avanza a titular deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez.

Unha das citas estrela terá lugar o día grande da programación. Será entón cando, a partires das 18.00 horas, se emitirá unha charla , a través do perfil oficial de Poio Cultura, sobre Rosalía de Castro. O responsable de impartila será o fotógrafo coruñés Xurxo Lobato, que falará do seu libro Airiños aires Rosalía, a través do cal rende unha homenaxe, en clave de instantáneas, á escritora de Padrón. Ademais, durante esa xornada tamén se porá a disposición da veciñanza, de xeito virtual, unha colección epistolar que amosa a cara íntima da poetisa galega. Previamente, ás 16.00 horas, a compañía Barafunda ofrecerá un obradoiro virtual, tamén a través das redes sociais, que se centrará nun poema de Rosalía

Anteriormente, o martes 23 de febreiro, tamén haberá actividades on line. Lembra Raquel Rodríguez que este ano a homenaxe a Rosalía de Castro faise poñendo en valor o poema ‘Miña casiña, meu lar’, que forma parte de Follas Novas. Neste texto descríbese a unha muller pobre que conta a súa épica diaria para sobrevivir. Logo de superar diferentes desdichas, consegue elaborar un humilde caldo de gloria e un bolo de pote, algo que, de xeito simbólico, acaba sendo un triunfo sobre a desventura e a pobreza. Deste xeito, nas redes sociais poderanse consultar as indicacións que a propia Rosalía de Castro menciona no poema para elaborar este caldo. Por último, o xoves 25 de febreiro realizarse un roteiro virtual “co que poderemos visitar os espazos vitais que foron máis relevantes na traxectoria de Rosalía”, indica Raquel Rodríguez.

Este ano, ademais, a figura da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos tamén estará moi presente nos centros educativos, grazas a unha proposta didáctica que se levará a cabo nos colexios de Poio. Trátase dunha iniciativa formulada pola Asociación de Escritorias e Escritores en Lingua Galega, que, a través da música e da poesía, busca inculcar no alumnado os valores que sempre tratou de transmitir Rosalía de Castro a través da súa obra, sobre todo en cuestións como a súa visión da paisaxe galega, o feminismo, a nosa lingua ou a loita pola supervivencia. "Ela deixounos un legado que podemos recoller e trasladalas ás nosas crianzas", sinala a concelleira de Cultura.