fbpx

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, pasou revista na mañá deste venres aos traballos de deseño do mural que se está a realizar no muro da entrada principal ao campo de fútbol da Seca, na parroquia de San Xoán, e que se trata dunha das iniciativas principais da programación que o departamento dirixido pola edil de Avante Poio deseñou para conmemorar o Día Internacional da Muller,  o vindeiro 8 de marzo. A pandemia da COVID-19 obrigou ao Concello a introducir importantes novidades no programa, para poder adaptarse ao contexto sanitario actual.

Díaz Iglesias, que estivo acompañada na súa visita polas responsables do Centro de Información á Muller (CIM),  explicou que este mural ten coma obxectivo dar visibilidade “ao imprescindible labor que as mulleres desenvolveron desde o inicio da pandemia hai xa case un ano; un esforzo que, en moitas ocasións, pode pasar desapercibido e non conta co valor que merece. Sempre tivemos claro que sen mulleres non hai vida e isto púxose aínda máis de manifesto desde a chegada do coronavirus”. Caixeiras, sanitarias, limpadoras, mestras, coidadoras ou dependentas son algunhas das figuras que aparecerán representadas neste mural, que será presentado oficialmente o vindeiro sábado, 6 de marzo (12.00 horas), nun pequeno acto ao que acudirán representantes  do Consello Municipal da Muller. A cita cumprirá con todas as medidas de distanciamento e hixiene que marcan as autoridades.

Este mural, elaborado pola ilustradora Tania Solla e Polo Correo do Vento, tamén lucirá o eslogan da campaña, ‘A forza das mulleres’, ademais doutras mensaxes. Este deseño non é a única gran novidade con respecto a edicións anteriores. Ante a necesidade de prescindir das homenaxes e dos actos presenciais, a Concellería de Igualdade aposta por desenvolver unha serie de faladoiros, vía on line, a través dos cales mulleres que traballan nas áreas que aparecen representadas no mural compartirán as súas experiencias e vivencias. Estes encontros virtuais levaranse a cabo a partir do mes de marzo. Ademais, Silvia Díaz adiantou que entre os meses de abril e xuño os centros educativos de Poio acollerán obradoiros, unidades didácticas e sesións de contacontos (en función das idades do alumnado), que versarán sobre prevención da violencia machista, novas masculinidades e educación afectiva-sexual.

A titular de Igualdade animou á veciñanza a participar nos actos do 8 M, que tamén incluirán un paro institucional ás portas do Concello de Poio, o propio 8 de marzo, xa que “segue sendo necesario saír á rúa para reivindicar a igualdade entre homes e mulleres”.