fbpx

A parroquia de San Salvador pasará a contar proximamente non só con novos composteiros, senón tamén cun recipiente moito máis amplo en Rosalía de Castro, na contorna do lugar de Ferreirós. A tenente de alcalde e responsable da área de Servizos, Chelo Besada, confirmou este luns que o Concello ampliará o Centro de Compostaxe Comunitario (CCC) que actualmente está operativo nesta zona e que se puxo en marcha o pasado mes de outubro.

Este anuncio realizouno logo dunha visita ao composteiro, en compañía do edil de Urbanismo, Gregorio Agís. “Dada a gran resposta por parte da cidadanía á hora de facer uso destas instalacións, entendemos que é necesaria esta ampliación”, explica a edil do PSdeG-PSOE. Nesa liña tamén vai a idea de habilitar novos composteiros comunitarios noutros emprazamentos urbanos onde existe un gran número de vivendas, como é o caso de Río Umia, na Caeira, ou a Rúa Valiña. “Con estes novos composteiros buscamos facilitar a súa utilización a moitos veciños e veciñas que actualmente teñen que desprazarse cos restos ata Rosalía de Castro”, sinala Besada.

Nos últimos días, os operarios municipais finalizaron os traballos para a posta a punto das bases nas que se colocarán os composteiros. Agora, o Concello queda á espera da Deputación de Pontevedra para recibir os recipientes. Cómpre lembrar que Poio forma parte do Plan Revitaliza, impulsado pola institución provincial e que, precisamente, busca fomentar esta práctica, dado os seus beneficios medioambientais e económicos, xa que o tratamento dos restos orgánicos tamén redunda no recibo do lixo.

Ademais, Chelo Besada tamén recorda á veciñanza que a Administración local segue a poñer a disposición de todas as persoas interesadas sacos de compost tratado no CCC de Rosalía de Castro. Este fertilizante natural para todas aquelas persoas que estean empadroadas en Poio e que estean interesados en utilizalo, de xeito totalmente gratuíto. Darase prioridade aos xa están rexistrados como usuarios e usuarias do compost comunitario, pero a oferta esténdese á veciñanza de todas as parroquias do municipio. Para dispor del, basta con poñerse en contacto telefónico coa mestra composteira, a través do número de teléfono 604025288, en horario de 8.30 a 14.30 horas. Este compost é un fertilizante natural, válido para agricultura ecolóxica, e que é resultado de mesturar restos orgánicos que entrega a veciñanza con madeira triturada, logo de pasar polo pertinente proceso de compostaxe. O Concello lembra que, ademais de en macetas, tamén se pode facer uso del para hortas, froiteiras ou para facer de cobertor ou traballos de aboado de fondo.

“Cada vez son máis os veciños e veciñas que preguntan por este servizo, polo que probablemente no futuro aumentaremos a dotación destes composteiros comunitarios ao resto de parroquias de Poio”, adiante a tenente de alcalde. Precisamente, outro dos emprazamentos que se está a estudar para colocar estes recipientes é o parque de Ánkar.