fbpx

Operarios municipais iniciaron na mañá deste martes os traballos de mantemento do firme de parte da Alameda de San Xoán, nas inmediacións da Casa Consistorial. Esta actuación prolongarase ao longo desta semana e fará que se restrinxa parcialmente o estacionamento. A concelleira delegada de Obras e Servizos Municipais, a socialista Chelo Besada, lembrou que estes arranxos xa estaban previstos.

“Estabamos pendentes da mellora das condicións meteorolóxicas para poder realizala”, sinalou a tenente de alcalde, que explica que se trata dunhas tarefas que se centran na reposición da superficie de xabre, que se atopa moi deteriorada, debido ás inclemencias climatolóxicas e ao constante paso de tráfico rodado.

Neste sentido, cómpre recordar que o Concello de Poio proxectou en 2019 unha actuación moi ambiciosa para acondicionar toda a alameda. Inicialmente, o proxecto estimaba un orzamento de 60.000 euros, que finalmente, unha vez licitado, quedou en 47.333,41 euros, IVE engadido. A intención do Goberno local era a de dotar en todo o espazo un firme de empedrado, con espazo suficiente para que medrase céspede. Sen embargo, este tipo de superficie só foi posible habilitala na zona máis próxima á entrada do Mosteiro, toda vez que a Dirección Xeral de Patrimonio non deu o visto bo a que este empedrado tamén se instalase no resto do terreo. Foi por iso polo que o Concello apostou polo uso de xabre, que require de traballos de mantemento periódicos para a eliminación de baches, sinala Chelo Besada.

A tenente de alcalde tamén lembra que o proxecto incluíu a dotación dunha rede de pluviais “que ata entón non existía” e a instalación dunha canalización de pedra. “De ter conseguido o visto bo de Patrimonio para empedrar toda a superficie agora non sería necesario ter que realizar estas obras de arranxo, pero temos que adaptarnos ás directrices decretadas pola Xunta de Galicia”, finalizou a concelleira do PSOE.