fbpx

Un ano máis, a Concellería de Promoción Económica impulsa un plan para impulsar a mellora da empregabilidade e o emprendemento no concello de Poio. Trátase do Proxecto Senda 2021, unha actividade que o departamento dirixido polo socialista Gregorio Agís leva desenvolvendo desde 2016, coa excepción de 2020, no que se tivo que suspender por mor da pandemia da COVID-19.

Precisamente, a situación derivada desta pandemia e a crise sanitaria que provocou o coronavirus son cuestións que se tiveron moi en conta á hora de preparar a programación. “Non estamos a falar dun ciclo formativo, é algo moito máis complexo. Para nós, supón unha experiencia da que se poden beneficiar todas aquelas persoas que estean buscando emprego ou xente con ideas que precise dun pulo para saber como emprender”, explica o titular de Promoción Económica. O Proxecto Senda 2021 comezará oficialmente a mediados do vindeiro mes de abril. Será nos días 15 e 16 cando o Centro de Formación da Reiboa, situado na Seca (San Xoán), cando se leven a cabo os faladoiros informativos sobre o proxecto e o pertinente proceso selectivo. As sesións comezarán o xoves 22 de abril e se prolongarán ata o mes de xullo. “Combinaremos sesións individuais con colectivas, respectando todas as medidas sanitarias e adaptándonos ao contexto COVID”, garante Agís. O concelleiro do PSdeG-PSOE incide nas novidades que presentará este ano o programa, que, por exemplo, centrarase en cuestións como a integración social daqueles colectivos que están a atopar máis dificultades no que á inserción laboral se refire, debido precisamente ao impacto da pandemia.

Outra cuestión importante é que se ofrecerá ás persoas inscritas prácticas prelaborais en empresas, durante unhas semanas, para que se poidan promocionar e amosar as súas capacidades no mercado laboral. A sostibilidade medioambiental terá a súa couta de protagonismo e mesmo se proxectará unha xornada de recollida de residuos na senda que une Campelo e A Seca. O broche de ouro á programación terá lugar en novembro cunha xornada que versará sobre emprendemento.

O concelleiro de Promoción Económica amósase confiado en que esta iniciativa acade os bos resultados de anos anteriores, tanto no que se refire ao interese na participación como nas insercións laborais que se acadan grazas a este proxecto. “Poio é un municipio vivo, cunha poboación moza e con xente que ten ánimo emprendedor e capacidade para emprender. Do que se trata é de facilitarlles as ferramentas para que poidan facer realidade os seus proxectos, unha filosofía que vimos mantendo desde hai un lustro”, concluíu o edil socialista.

Agís lembra que  é posible obter máis información chamando ao 986770001 (extensión 1260) ou ao 659783218. Ademais, ponse á disposición da cidadanía a dirección de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Na páxina web municipal habilitarase un formulario de inscrición, que tamén se tramitarán a través do perfil oficial de Promoción Económica en redes sociais.