fbpx

A Concellería de Benestar Social e Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández, fixo este martes entrega de 25 almorzos saudables individuais aos alumnos de 5 anos do CEIP Chancelas que resultaron gañadores do novidoso concurso Portas da Paz, que este ano o departamento municipal impulsou para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz, a finais do pasado mes de xaneiro.

O certame consistía en adornar as portas dos centros educativos que tomaron parte nesta iniciativa. Os deseños realizados por estes cativos e cativas do colexio da parroquia de Combarro foron os que, finalmente, obtiveron unha maior puntuación por parte do xurado, que á hora de realizar a valoración tiveron moi en conta cuestións como o tipo de material utilizado, a orixinalidade, a montaxe, as mensaxes en lingua galega e alusións a temas vencellados á Axenda 2030. Os cativos e cativas gañadores apostaron por facer unha recreación da lenda xaponesa de Sadako e as mil grúas, a través de cal, segundo esta crenza, a elaboración desta cantidade de grúas de papel garante que os desexos se fagan realidade. Neste caso, estes desexos transmitidos polos nenos e nenas tiñan que ver coa paz.

Deste xeito, as crianzas recibiron o martes, por parte das técnicas do departamento de Benestar Social e Mocidade, os seus almorzos saudables, que estaban compostos por cestos con zume de laranxa natural, pan de noces, iogurt, marmelada, borchetas de froita, brochetas de xamón e queixo, cereais, galletas artesáns e madalenas caseiras.

A concelleira de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández, explicou que a situación derivada da pandemia da COVID-19 impediu que a entrega do premio se puidese facer unha vez rematado o certame. A edil do Goberno local expresou o seu agradecemento aos centros educativos que tomaron parte neste concurso e desexou que “o vindeiro ano poidamos retomar as celebracións tradicionais que viñamos desenvolvendo na Casa Rosada”.