fbpx

O alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas, participaron esta mañá no acto de sinatura dun novo patrocinio co Club Balonmán Poio-Artai, que permanecerá en vigor durante a temporada actual (2020-2021). Trátase dunha liña de axudas impulsada desde o departamento de Deportes que se destina a entidades e deportistas locais que compiten ao máis alto nivel. Ademais do Poio-Artai, tamén se firmará este tipo de acordo co Poio Pescamar e co piragüista Sergio Vallejo.

Tanto Sobral como Marga Caldas felicitaron ao presidente do Poio-Artai, Iago Garrido, polo labor que está a desenvolver o club, que actualmente conta con preto de 40 integrantes, repartidos en diferentes categorías. Os dirixentes locais apuntan que "asinamos este acordo en favor do impulso deste club, que conta cunha tradición de 25 anos, e que acaba de renovar a súa directiva". A achega de patrocinios propios é a aposta que fai o Concello á hora de axudar a este tipo de entidades e deportistas.

O Goberno local mantén o seu compromiso de apostar polo apoio ao deporte local, especialmente nun contexto como o actual, marcado pola pandemia da COVID-19.