fbpx



A concelleira de Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández, supervisou hoxe a estrea do programa ‘Cóidate Sempre’, a través do cal o departamento municipal retoma as sesións de exercicio físico e ximnasia de mantemento máis dun ano despois da súa suspensión, provocada pola pandemia da COVID-19. Esta primeira xornada desenvolveuse nos exteriores da Casa Rosada e contou coa participación de dez persoas, se ben Fernández González cre que nas vindeiras sesións irase incorporando máis xente, xa que “foron varias as usuarias e usuarios que se puxeron en contacto para demandar información sobre a actividade”.

Seguindo as indicacións da monitoria Marta S. Rancaño, os e as participantes practicaron, durante aproximadamente una hora, diferentes exercicios e estiramentos. A concelleira de Benestar Social lembra que este programa é gratuíto e se desenvolve cumprindo con todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias. “Todas as sesións se van desenvolver ao aire libre e é obrigatorio o uso de máscara. Ademais, as persoas participantes teñen que gardar a pertinente distancia entre unhas e outras”, lembrou Rosa Fernández. En principio, está previsto que ‘Cóidate Sempre’ continúe este venres, 9 de abril, na Seca, a partir das 11.00 horas. Non obstante, a concelleira do PSOE puntualiza que “dependerá das condicións meteorolóxicas”. En caso de chuvia, haberá que suspender a actividade e buscar outra data, xa que polo de agora se descarta levar a cabo esta iniciativa en espazos pechados.

Ademais de ofrecer pautas e exercicios para fomentar a vida saudable, o obxectivo deste programa é que as persoas maiores poidan volver a reencontrarse despois de tantos meses de confinamento nos seus domicilios. Nas últimas semanas tamén se procedeu a retomar o programa Saudemente nos locais habituais e cumprindo tamén coas normas hixiénicas e de aforo pertinentes.