fbpx

A concelleira de Deportes e de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mantivo onte martes unha reunión con representantes de diferentes agrupacións locais e do sector hostaleiro local, para informarlles dos detalles da celebración do Duatlón Movéndonos por Poio, que vivirá a súa segunda edición o vindeiro domingo, 18 de abril, en Lourido.

Trátase dunha proba organizada conxuntamente polo Club Tríatlon Poio, o Concello de Poio e a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno e que forma parte do Circuíto Galego de Duatlón de estrada, sendo puntuable para o Campionato Galego da modalidade. Este será o primeiro evento destas características, para deportistas federados, que o municipio acolla desde o inicio da crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19. Será unha cita que cumprirá de xeito rigoroso con todas as medidas de prevención pertinentes, tal e como garantiu Caldas Moreira neste encontro, no que estiveron presentes membros da plataforma Hoempo, ademais doutros profesionais da hostalería e integrantes da Asociación de Veciños de Lourido.

Ademais de informar sobre o operativo de tráfico e outras cuestións vencelladas á competición, Marga Caldas tamén aproveitou a reunión para escoitar as inquedanzas e suxestións dos asistentes. Neste sentido, a titular de Deportes explicou que “non queríamos renunciar a acoller unha proba deste nivel na actualidade, cando o impacto da COVID-19 en Poio se vén reducindo desde hai meses”. Iso si, para facela realidade “é absolutamente necesario que nos adaptemos ao contexto e ás medidas que establecen as autoridades sanitarias”. En todo caso, a concelleira nacionalista comprometeuse a “tomar nota” das peticións realizadas polos hostaleiros e veciños, de cara a telas en conta en futuras edicións. “O noso obxectivo é que o vindeiro ano, coa situación xa totalmente normalizada grazas ás vacinas e ao coñecemento cada vez maior que temos do virus, poidamos organizar unha proba de maior nivel. Entón, teremos moi en conta as suxestións que se realizaron nesta reunión no que se refire a modificacións de horarios e datas, e mesmo nun posible cambio de percorrido”, adiantou, á vez que fixo fincapé en que este tipo de iniciativas poden supoñer un pulo moi importante para a dinamización dun dos sectores máis castigados pola pandemia. “O deporte en Poio é seguro, como tamén o é que se consuma na hostalería, respectando rigorosamente as restricións actuais, algo no que os e as profesionais de Poio están a cumprir de xeito modélico, como o demostran os resultados das inspeccións que realiza periodicamente a Policía Local, a través das cales se constata este cumprimento”, indica a concelleira de Deportes.

VER MAPA DA PROBA

Operativo de tráfico

Ademais, a reunión tamén serviu para que Marga Caldas informase sobre o operativo de tráfico que se habilitará para durante a proba. Durante o sábado 17 xa non se poderá acceder ao aparcamento de Lourido, nin tampouco nas zonas polas que transcorrerá a competición. Con respecto ao domingo, ás 8.00 horas procederase a cortar no o tramo que vai dende o peirao de Campelo ata as instalacións do Grupo Froiz. O cese do tránsito tamén será efectivo desde as 9.30 horas no resto do circuíto, ata as 14.00 horas aproximadamente. Permitirase a saída de vehículos durante a proba se o transcurso da competición así o permite, seguindo as indicacións dos axentes da Policía Local, pero non se permitirá o acceso de ningún vehículo durante a proba, salvo emerxencia. Nas últimas xornadas xa se procedeu a habilitar paneis informativos en Lourido sobre estes detalles.