fbpx

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, mantivo este mércores unha reunión telemática con representantes dos colectivos que habitualmente participan de xeito activo na Festa dos Maios, para informarlles das iniciativas que ten previsto desenvolver o departamento municipal. Trátase de citas que aspiran a manter viva a tradición e o interese que esta data suscita desde hai moitos anos no municipio, respectando, ao mesmo tempo, as medidas de seguridade contra a COVID-19.

Neste sentido, a edil do Goberno local confirmou que o Concello descarta a organización do tradicional concurso dos maios, tal e como sucedeu en 2020, por mor da pandemia. “É certo que a situación sanitaria en Poio mellorou moito nos últimos meses, pero iso non pode provocar ningún tipo de relaxación, porque o virus segue aí. Entendemos que desenvolver  un certame destas características, que esixe a reunión de moitas persoas, ou calquera tipo de evento multitudinario non sería nin aconsellable nin prudente”, asevera Rodríguez Alonso.

Ademais, tamén quedou descartada a opción de impulsar a organización dun concurso de carácter individual. “Consideramos que iso suporía desvirtuar o espírito desta festa, que, precisamente, fomenta valores como o traballo e a xuntanza por grupos, mediante a recollida das flores e a elaboración dos maios”, indica a concelleira de Cultura, que durante a reunión telemática expuxo as alternativas a desenvolver por parte do Concello. A máis ambiciosa será ‘Maios á rúa’, unha campaña a través da cal se animará á veciñanza, a través das redes sociais, a que decoren as fachadas e balcóns das súas vivendas con cadeas e coroas de flores recollidas en familia e persoas convivintes. A maiores, apóstase por expoñer na vía pública imaxes correspondentes a edicións previas do concurso. Estas instantáneas habilitaranse en soportes publicitarios instalados ao longo da PO-308, para que teñan o maior impacto visual posible.

Poñer en valor a tradición desta festa e dar visibilidade ao traballo que tanto o Concello como os colectivos locais levan realizado desde hai moitos anos á hora de elaborar os maios é outro dos obxectivos desta programación. É por iso polo que, tal e como desvelou Raquel Rodríguez, tamén se editará un folleto ilustrado sobre esta temática, para repartir entre os centros educativos, así como nos locais municipais e das agrupacións. “Queremos que todo o mundo teña a posibilidade de coñecer a maxia e o atractivo dos maios e que, no futuro, cando superemos esta situación, haxa unha maior participación se cabe”, indica a titular de Cultura, que aproveitou tamén  a ocasión para agradecer a comprensión e a implicación dos colectivos á hora de adaptarse a este contexto, entre as que se atopan as asociacións Ronsel, Boureante, Armadiña, EI Saíñas, Maio Vilariño e Maio Fontenla, así como Maio Maiolo e Mare Podium.