fbpx

Un repaso á súa historia, un análise do seu presente e, sobre todo, a proposta de medidas e actuacións para garantir o seu futuro “durante moitas xeracións”. Estas son as bases de ‘Tambo: a illa soñada,  a illa posible’, unha xornada temática que se desenvolveu este sábado no claustro do Mosteiro de San Xoán, cumprindo con todas as medidas sanitarias necesarias e ofrecendo unha mesa redonda e un faladoiro vía streaming, e que estivo organizada polas concellerías de Promoción Económica e Turismo.

Na cita participaron diferentes expertos que, desde os seus respectivos eidos, achegaron a súa visión sobre este enclave da ría de Ponteverdra, con mención especial ao arquitecto Sergio Portela, sobre cuxo proxecto, do mesmo nome, se inspira a exposición inaugurada no templo poiense, composta de 21 carteis que achegan todo tipo de información sobre as peculiaridades, características, retos e posibles actuacións a desenvolver en Tambo cando a súa titularidade pase a ser pública, trámite no que o Concello de Poio se atopa inmerso, logo de reactivar hai meses as conversas co Ministerio de Defensa, actual titular da illa.

A programación iniciouse coa inauguración da mostra de Portela, antes das intervencións realizadas polo profesor da Facultade de Ciencias do Mar Mariano Lastra, o doutor en Xeografía Gonzalo Méndez, o historiador Xosé Fortes e o representante do colectivo Irmandade Illa de Tambo Claudio Quintillán. Previamente, a encarga de abrir o acto foi a concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), que salientou a importancia de “traballar en proxectos viables que perduren no tempo”. Ademais, tamén agradeceu a colaboración do Mosteiro á hora de permitir a celebración desta xornada no seu claustro, lembrando que “está moi vencellado á historia de Tambo”. Posteriormente, o titular de Promoción Económica e presidente da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, o socialista Gregorio Agís, tamén incidiu na importancia de “buscar os instrumentos axeitados para garantir a apertura deste enclave para a veciñanza”. Agís definiu Tambo como “un recurso turístico, paisaxístico e histórico fundamental”. Os dous dirixentes municipais tamén coincidiron á hora de destacar o labor que realiza a Comisión de Seguimento e a importancia de garantir a protección da illa a todos os niveis. “Quedará á marxe de calquera proceso especulativo”, garantiu o tamén concelleiro de Urbanismo.

Tanto as conferencias ofrecidas durante a mañá como o faladoiro protagonizado por Sergio Portela, xa pola tarde, puideron ser seguidos vía on line, a través da canle do Concello en Youtube. Preto de 200 persoas conectáronse ao streaming. Ademais, durante o faladoiro tamén se ofreceu a posibilidade de achegar preguntas e dúbidas a través do chat, que foron resoltas polos expertos. Con respecto ás intervencións, mentres que Gonzalo Méndez e Mariano Lastra falaron de aspectos vencellados á riqueza medioambiental, da fauna e da calidade dos seus fondos mariños, tanto Xosé Fortes como Claudio Quintillán falaron do pasado e da evolución que experimentou Tambo co paso dos séculos, referíndose aos asentamentos existentes en diferentes épocas e ás lendas vencelladas con este enclave.

No acto estiveron representados todos os grupos da Corporación municipal e tamén asistiron o alcalde, Luciano Sobral; o Comandante – Director da Escola Naval de Marín, Ignacio Cuartero; o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés, e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, ademais de representantes das agrupacións que forman parte da Comisión de Seguimento: APDR, a Confraría de San Telmo, Amecomra, a AVCR Combarro e Irmandade Illa de Tambo.